A Escola de Arte Pablo Picasso cede 23 pezas para a exposición que se celebrará na Coruña en 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira na Escola Pablo Picasso

Carlos Negreira na Escola Pablo Picasso

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso e agradeceu, persoalmente, a todo o equipo do centro, encabezado polo director, Manuel Soto, a súa contribución á exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, á que achegará un total de 23 pezas das 200 que exhibirá a mostra.

En concreto, trátase de 8 xesos, 12 documentos e 3 carteis: “Será a primeira vez que se contemplen os xesos xunto cos propios debuxos que realizou a partir deles, un feito histórico nas mostras que se realizaron sobre Picasso e que demostra a magnífica contribución da escola para a súa conservación”, destacou Negreira. Varios dos xesos teñen máis de 120 anos e foi necesario sometelos a un proceso de restauración e limpeza.

Ademais, restauráronse 3 carteis publicitarios da escola daqueles anos, así como os documentos que acreditan o paso de Pablo Picasso pola Escola Provincial de Belas Artes, da que a actual escola é herdeira natural. Entre eles, destacan as notas do artista.

“Picasso estivo aquí, deu nome á escola e aprendeu o que foi despois. O selo que deixou a cidade nel foi importante”, subliñou o alcalde e continuou: “O primeiro Picasso é o que queremos ensinar ao mundo. Os coruñeses temos case a obrigación de mostrar os seus inicios e, se se descoñece o seu paso pola Coruña, estariamos a ocultar á humanidade unha parte importante deste artista universal”, asegurou.

O alcalde finalizou lembrando que a escola será, xunto co Museu Picasso de Barcelona, o principal prestamista de O primeiro Picasso. A Coruña 2015 que se inaugurará no Museo de Belas Artes o 20 de febreiro de 2015. Neste sentido, Carlos Negreira agradeceu a súa achega a todos quen farán posible este gran evento: “Quero agradecer a súa colaboración a todos os que farán posible que todo o mundo poida coñecer unha parte de Picasso que estaba escondida”, afirmou e concluíu avanzando que a colaboración coa Escola de Artes Pablo Picasso continuará noutros proxectos como a posta en marcha de CIDEA.

10 de novembro de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.