A Deputación de Pontevedra tramita xa un novo plan de práctica laboral para 200 titulados
A Deputación de Pontevedra iniciou xa a tramitación dun novo plan de práctica laboral que beneficiará a 200 titulados universitarios e de FP que desenvolverán o seu labor na Administración local.
Así o anunciou esta mañá o presidente da institución, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde subliñou que os concellos teñen de prazo ata o 20 de novembro para presentaren as súas solicitudes.
Cada Concello terá dereito a entre 1 e 5 bolseiros, dependendo da súa poboación, e o obxectivo é que nos próximos días poidan detallar o perfil dos bolseiros que demandan para, deseguido, convocar as prazas.
| Habitantes | Bolseiros |
|---|---|
| Menos de 5.000 | 1 |
| De 5001 a 10.000 | 2 |
| De 10.001 a 15.000 | 4 |
| De 15.001 a 50.000 | 5 |
Os concellos deberán presentar un proxecto de práctica laboral no que se especifiquen a titulación demandada, as tarefas que vai realizar o bolseiro, o centro de traballo no que vai prestar servizo, o horario, o sistema de titorías da formación práctica e os criterios de avaliación dos resultados.
Unha vez rematado o prazo de solicitudes e definido o perfil dos bolseiros convocaranse as bolsas por titulacións, para que os mozos titulados e sen experiencia previa se poidan presentar.
As bolsas oscilarán entre os 700 e 800 euros e concederanse por un período de seis meses, prorrogable por outros seis.
O obxectivo é que estes 200 mozos poidan comezar a súa formación práctica nos primeiros meses de 2015.











