A Deputación de Pontevedra pretende crear un gran centro provincial de investigación no edificio San Francisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra aposta pola recuperación e rehabilitación do edificio San Francisco para convertelo nun gran centro de investigación “que reúna toda a realidade documental e histórica da provincia”.

Así o puxo de manifesto esta mañá en rolda de prensa o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, que incidiu en que mantivo catro encontros co director xeral de Patrimonio do Estado para abordar a posible cesión deste inmoble, antigo edificio de Facenda, á Deputación de Pontevedra, para que poida recuperalo e destinalo a albergar os arquivos da propia Administración provincial e do Museo de Pontevedra.

Louzán subliñou que se trata dunha proposta que xa foi presentada ó Goberno central e que o que se pretende é seguir avanzando na unificación de servizos e na recuperación e protección do patrimonio histórico-artístico.

Lembrou que a Deputación incluíu unha partida de 1,5 millóns de euros nos orzamentos de 2015 para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo, que aínda non foron restaurados, e que esta actuación estaría en certo modo vinculada á cesión ou non do citado edificio.

“En función de se nos dan ou non a cesión dese edificio –sinalou Louzán– o concepto da nosa redistribución de edificios sería outra, polo que estamos pedindo que exista celeridade a este respecto, porque levo máis de un ano falando coa Dirección Xeral de Patrimonio”.

Neste sentido, indicou que o Servizo de Arquitectura da Deputación está a elaborar un amplo proxecto arquitectónico e de usos dos edificios centrais do Museo “tendo en conta a posibilidade ou non de contar con ese edificio”.

Lembrou que levar a cabo as obras nos inmobles centrais do Museo sen contar con San Francisco podería “hipotecar” unha “posible solución a este edificio”, que cada día ten unha maior deterioración.

O obxectivo, asegurou, “é que un edificio público dos máis importantes que ten a cidade de Pontevedra, incluso toda a provincia, non caia nun estado de semirruína, como pode verse dentro de moi pouco tempo se seguimos con este nivel de deterioro”.

21 de novembro de 2014 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.