A Deputación de Pontevedra destinou 64,6 millóns a plans de emprego nos últimos cinco anos
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe, inicialmente, o seus orzamentos para o vindeiro ano, cifrados en 148,4 millóns de euros, un 1,34% máis có ano pasado.
O vicepresidente económico, José Manuel Figueroa, destacou que neles se destinan 7 millóns a plans de emprego e subliñou que nos últimos cinco anos a Deputación de Pontevedra destinou 64,6 millóns a estes plans, que ocuparon a 8.304 persoas ,”o que nos revela que a Deputación de Pontevedra foi a Administración local española que máis cartos lle dedicou a este capítulo”, dixo.
Destacou tamén que a amortización da débeda este ano é de 13 millóns e afirmou que a finais do 2015 a institución pontevedresa terá unha débeda de 40 millóns cando no 2009 a cifra acadaba os 100: “Este ano non incrementaremos débeda nin acudiremos a créditos”, asegurou.
As contas da Deputación destinan 15 millóns a Acción Social “algo que tamén nos sitúa á cabeza de institucións da Administración local en España”, –afirmou– e contías moi importantes para cultura, deportes e turismo.
Cero nenos en 2009 e 9.000 en 2014 nas Escolas Deportivas
En deportes, Figueroa indicou que “nos últimos cinco anos pasamos de ter cero nenos nas Escolas Deportivas a contar con 9.000 este ano, practicando deporte gratuitamente en todos os concellos e en 16 modalidades”. No sector do turismo destacou os investimentos para fomentar a calidade, desenvolver proxectos coma o “Smart Destino Rías Baixas” e o “Proxecto Pousadas”, que permitirá acceder a un novo nicho de mercado de 2,5 millóns de persoas ó facer totalmente accesible os catro establecementos que forman parte dese proxecto.
José Manuel Figueroa asegurou que, á marxe dos ingresos correntes da Deputación, a boa xestión levada a cabo posibilitou que, nos últimos cinco anos, ingresase 72 millóns de euros, procedentes de fondos europeos para desenvolver diferentes proxectos en toda a provincia.
Nesta liña, fixo fincapé en accións destinadas ó agrupamento de servizos municipais para incrementar o aforro e a súa boa xestión coma o consorcio de recollida do lixo, a canceira provincial, o ORAL e outros servizos mancomunados.
Investimento en concellos e en Balaídos
Nas contas provinciais a cantidade destinada a investimento directo nos concellos será de 27,1 millóns de euros que, sumados ás transferencias de capital destinadas a investimentos, ascenden á cifra final dos 34,1 millóns.
Finalmente, Figueroa asegurou que a partida hoxe aprobada para o novo estadio de Balaídos en Vigo (3,4 millóns de euros) fai que a Deputación de Pontevedra teña xa consignados para esta finalidade un total de 4,7 millóns de euros: 1,3 millóns aprobados nunha modificación de créditos fai 15 días e os 3,4 aprobados hoxe.











