publicidade hoxe

A Deputación de Lugo recupera 225 hectáreas baldías coa plantación de castiñeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoMonterroso
A-
A+
Lara Méndez na visita á plantación en Monterroso

Lara Méndez na visita á plantación en Monterroso

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, acompañadas polo Alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, e o xerente de Alibós Galicia, Xesús Quintá, visitaron este martes as instalacións de dita empresa no Concello de Monterroso, para coñecer os resultados do Proxecto Soutos, plan promovido polo organismo provincial co que se  recuperaron 225 hectáreas de terreos non aproveitados a través da repoboación e recuperación de castiñeiros. A Vicepresidenta Segunda salientou durante a visita que “o sector da castaña está en auxe e ofrece moitas oportunidades xa que existe unha grande demanda deste produto tanto a nivel nacional como internacional” e destacou que “este sector, só durante recollida e a produción da castaña, que vai dende outubro ata xaneiro, dá traballo a 6.000 persoas en Galicia, das cales 2.000 son da provincia”.

O organismo provincial mantén un convenio con Alibós –unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada- para potenciar a produción e comercialización da castaña na provincia. Froito desta colaboración nace Soutos, un proxecto pioneiro en España, que consiste na plantación destas árbores en terreos baldíos. Impulsar un modelo de xestión sostible do territorio e por en valor os recursos autóctonos son os dous obxectivos principais do Proxecto Soutos. Esta iniciativa xerou unha grande expectación, tanto na provincia, como no resto de Galicia pois, segundo os responsables de Alibós, houbo máis de 200 consultas de propietarios de superficies forestais mostrando o seu interese por adherirse a iniciativas similares.

Ata o momento, recuperáronse 225 hectáreas nos Concellos de Taboada, Antas de Ulla, Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Lugo. Eran fincas sen actividade, que os seus propietarios cederon ao proxecto para a súa posta en valor. A cambio, os propietarios destas fincas recibirán o 33% dos beneficios das colleitas, que a medio prazo –en 15 anos- acadarán as 400 toneladas e no momento de maior rendemento dos soutos –a partir dos 25 anos- superarán as 800 toneladas.

Lugo concentra o 30% da produción

En Galicia, estímase unha produción de 15.000 toneladas de castaña, das que se comercializan máis da metade. A facturación é de 20 millóns de euros. A provincia concentra o 30% do total da comunidade galega. Lugo ten un gran potencial neste sector grazas do importante terreo agrícola e forestal existente, moitas das cales se atopan en estado de abandono ou cunha baixa rendibilidade. Ademais, as condicións edafoclimáticas que caracterizan á provincia favorecen o bo desenvolvemento desta especie autóctona. Deste xeito, o convenio con Alibós non só contribúe a profesionalizar o sector, senón tamén que os postos de traballo deixen de ser estacionais.

Empresa punteira no sector

A fábrica de Alibós Galicia sitúase en Monterroso. É unha das maiores produtoras mundiais de castaña pelada e conxelada. Exporta a súa produción a máis de 20 países de Europa e Asia e conta cun dos túneles máis importantes de conxelados a nivel europeo. Alibós chega a factura preto de 6 millóns de euros ao ano. Durante a recollida e produción da castaña dá traballo a máis de 100 persoas.

Dende hai máis dunha década, esta empresa conta coa certificación de Elaboradores de Produto Ecolóxico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, ademais doutras distincións, como o Premio á Mellor Industria Ecolóxica de Galicia. Iniciou a súa actividade en 1968 e desde entón traballan no aproveitamento da castaña e de produtos silvestres da comarca da Ulloa, como os cogomelos, framboesas ou fresas do bosque.

11 de novembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.