publicidade hoxe

A Deputación de Lugo ofrece 500 prazas subvencionadas no balneario de Guitiriz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a incorporación do balneario de Guitiriz ao programa Termalismo no Camiño. “Facémolo logo de que este establecemento demostrase que cumpre coas cláusulas sociais que incorporamos a este prego en defensa dos dereitos dos traballadores e do público”, explicou o voceiro provincial socialista. Manuel Martínez indicou que as cláusulas son, entre outras, non estar en concurso, situación na que se atopaba o balneario de Guitiriz; non está declarado insolvente, non estar sancionado mediante resolución firme coa perda de obter subvencións ou estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias.

Coa incorporación do balneario de Guitiriz ao programa, a Deputación ofrece a lucenses maiores de 50 anos outras 500 prazas subvencionadas para recibir tratamentos termais neste establecemento. Trátanse de descontos de 50 euros para os seguintes paquetes:

– 6 días con 5 noites de estancia
– 5 pensións completas
– Día de entrada, domingo: incluídos cea e aloxamento.
– Día de saída, venres: incluídos almorzo e comida e 8 técnicas de balneario.

Os interesados poden facer xa a súa solicitude, presentando o modelo de inscrición, que se atopa en www.deputacionlugo.gal, no Rexistro do Pazo de San Marcos. Máis información no 982-26-00-75.

Estas 500 novas prazas subvencionadas no balneario de Guitiriz, engádense ás 700 xa adxudicadas para tratamentos termais nos balnearios de Lugo, Pantón e Palas de Rei. “Deste xeito, conseguimos que un total de 1.200 lucenses maiores de 50 anos se beneficien de descontos en instalacións termais da provincia coa cuarta edición desta programación. Todo isto, logo de que o fixesen outras 3.000 persoas grazas ás anteriores tres convocatorias de Termalismo no Camiño que puxemos en marcha con fondos europeos”, subliñou o voceiro.

Melloras nos Concellos

A sesión aprobou a creación dun parque ambiental no núcleo urbano de Ribas de Sil, así como a ampliación e mellora do existente na área recreativa de dito municipio. Son actuacións enmarcadas no programa medioambiental Lug02, dotadas de 95.400 euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea.

Tamén se aprobaron as obras de 420.000 euros en instalacións deportivas de Monterroso (dotación de herba artificial no campo de fútbol, instalación de cubertas en dúas pistas de pádel e remate da piscina climatizada), así como as melloras en dotación públicas municipais de núcleos rurais de Láncara e Baleira por valor de 19.200 euros da Deputación.

7 de novembro de 2014 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.