publicidade hoxe

A Deputación de Lugo mellorará a rúa do Instituto en Becerreá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Deputado de Xestión Territorial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, adiantaron este mércores que o organismo provincial mellorará a rúa do Instituto, situada no Barrio de Castelo de dita localidade. Medio milleiro de veciños empregan a diario esta rúa, onde se sitúan os dous centros educativos deste municipio, ademais de ducias de vivendas.

Melloras no firme, saneamento, drenaxe, servizos de auga e luz, dotación de bocas de incendios ou beirarrúas, serán, entre outras, as actuacións que se levarán a cabo. “Arranxaremos unha das rúas que quedan por mellorar en Becerreá”, destacou Martínez.

Máis melloras

A Deputación mellorará a traída de auga de Torallo, un núcleo rural onde residen 50 familias, que se adican ao sector primario. Coas súas traídas individuais, a auga non lles chega nin aos domicilios, nin ás explotacións gandeiras e agrícolas. Ademais, sofren cortes no subministro, principalmente no verán. O organismo provincial instalará un novo sistema, que incluíra un depósito para 35.000 litros de auga e garantirá o subministro.

O organismo provincial permitirá o acondicionamento (con aglomerado en quente e sinalización vertical e horizontal) de vías municipais en Saa, A Costa, Feiravella, Freixotortes, Monelo e rúa Cancela. Estas actuacións beneficiarán, directamente, ás 100 familias que residen en ditas zonas de Becerreá.  

“Obras de xustiza”

Lara Méndez avanzou que a Xunta de Goberno do venres aprobará este conxunto de melloras nas dotacións públicas de Becerreá, dotadas de 372.500 euros da Deputación. “Son obras de xustiza, coas que reivindicamos a vida no rural e coas que tratamos de compensar o abandono que sofren os veciños da Montaña por parte doutras administracións, como a Xunta de Galicia”.

12 de novembro de 2014 | 20:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.