publicidade hoxe

A Deputación de Lugo levará a cabo a mellora da estrada Momán-As Pontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoXermade
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Deputada Regina Polín, anunciou este martes as obras de mellora que a institución luguesa levará a cabo en estradas de titularidade provincial no Concello de Xermade. A primeira destas actuacións será o acondicionamento da estrada que comunica a localidade lucense de Momán e a coruñesa de As Pontes de García Rodríguez, no tramo de preto de 12 quilómetros que discorre pola provincia de Lugo.

Así llo comunicou hoxe Gómez Besteiro aos veciños de Xermade presentes na reunión celebrada a instancias dos propios veciños, invitación que o Presidente aceptou agradecido, e ata a que tamén quixo achegarse o Alcalde das Pontes, Valentín González Formoso. Deste xeito, a Deputación continúa dando rápida resposta ás peticións dos veciños da provincia, ao incorporar aos presupostos provinciais as súas prioridades, como, neste caso, as infraestruturas.

Esta é a segunda ocasión na que o fai, logo de que a semana pasada anunciaran as obras na estrada provincial que une as localidades de Friol e Parga, no veciño Concello de Guitiriz. Ditas obras consistirán na limpeza de cunetas e a rexeneración do firme da estrada mediante o emprego de aglomerado en quente, cunha achega de 370.000 euros, procedentes de fondos propios do organismo provincial.

As actuacións que se levarán a cabo contarán cun orzamento estimado de 650.000 euros, e as mesmas se levarán a cabo por fases, incluíndo a mellora do firme no trazado existente nos preto de 12 quilómetros da estrada LU-P-2204 que discorren polo Concello de Xermade ata o límite co Concello de As Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña.

Mellora das comunicacións na Terra Chá

Gómez Besteiro destacou a importancia destas actuacións “porque son as que nos piden os veciños, e así nolo fixeron saber na xuntanza participativa celebrada o pasado mes de xullo en Vilalba”. De feito, esta estrada é un importante nó de comunicacións entre Concellos da Terra Chá, como Xermade, Vilalba e Guitiriz, ademais dun eixe de conexión entre as provincias de Lugo e A Coruña, polo que soporta a diario un destacado volume de tráfico.

O Presidente lembrou, ademais, que a Deputación continúa facendo un importante esforzo de inversión e medios para manter no mellor estado posible a rede viaria provincial máis extensa de España. Hai que destacar que a Deputación segue agardando polo proceso de transferencia de estradas que a Xunta de Galicia mantén bloqueado dende 2009 só na provincia de Lugo.

Máis actuacións en Xermade

As obras nesta estrada súmanse a outras actuacións nas infraestruturas viarias deste Concello que a Deputación ten realizado con anterioridade. Ao mantemento e roza que, de xeito habitual, o organismo lugués realiza anualmente nos 76 quilómetros de estradas provinciais que discorren por Xermade, hai que engadir o acondicionamento con aglomerado de case 2 quilómetros da estrada LU-P- 2212, que enlaza o vial de Casanova a Lousada co de Viveiro-Cabreiros.

Do mesmo xeito, hai que destacar a inversión realizada no Concello de Xermade a través do Plan de Obras e Servizos (POS), co que, malia a que Rajoy eliminara a axuda estatal a este Plan no 2012, a Deputación mantivo a inversión para acometer obras por valor de 57.000 euros. Foron, en concreto, as obras de acondicionamento e mellora dos accesos de Tumbadoiro, Tarroeira, Seixo, A Pía e Teixido, en Lousada; San Martiño en Caschao e As Cernadas en Cebreiros.

19 de novembro de 2014 | 10:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.