publicidade hoxe

A Deputación de Lugo inviste 400.000 euros nas melloras de infraestruturas da Terra Chá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriolGuitirizLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polos Deputados provinciais Álvaro Santos Ramos e Regina Polín, avanzou este venres que a institución levará a cabo melloras nas infraestruturas viarias da Terra Chá, en particular nos Concellos de Friol e Guitiriz, mediante unha achega de 370.000 euros, procedentes de fondos propios do organismo provincial. Trátase, en concreto, do acondicionamento da estrada provincial LU-P-2101, que une as localidades de Friol e Parga, no veciño Concello de Guitiriz, e que consistirán na limpeza de cunetas e a rexeneración do firme da estrada mediante o emprego de aglomerado en quente.

Deste xeito, as obras dotarán de boas comunicacións a un mínimo de 600 veciños, que son os que residen nestes núcleos en particular, pero cuxo número aumenta ao ter en conta que esta é unha vía empregada de xeito habitual polos habitantes tanto dos Concellos de Guitiriz e Friol como dos limítrofes, polo que o conxunto destas actuacións suporán unha substancial mellora nas comunicacións de milleiros de veciños da comarca.

O Presidente destacou esta importante inversión, que practicamente “conclúe a mellora integral das comunicacións entre os veciños destes dous Concellos”, posto que con anterioridade xa se actuara no tramo desta estrada que discorre polo municipio guitiricense e unha parte no que discorre por Friol.

Outras melloras en Friol

Ás obras nesta estrada, tanto as anunciadas hoxe como as xa rematadas, hai que sumar máis inversións noutras estradas provincias do Concello de Friol. Estas son a LU-P-2106, na que se rexeneraron 6 quilómetros -os que unen os núcleos de Friol e Narla-, para o que as máquinas e persoal do dispositivo do Parque Móbil provincial empregou triple rego asfáltico. Estas actuacións foron posibles grazas a o pioneiro plan posto en marcha pola institución luguesa o pasado mes de marzo, e que permitirá aforrar 3 millóns de euros á Deputación, recuperando a defensa do público co emprego de medios propios na execución de obras.

Tamén na LU-P-2102 a Deputación levou a cabo traballos de acondicionamento con rego asfáltico e limpeza de cunetas dun tramo de preto de 9 quilómetros, os que discorren entre os núcleos de Troimil e Nodar, e na LU-P-2119, entre Nodar e Cabana, co que se deu un mellor servizo aos veciños que residen, e acceden a fincas e lugares de traballo, de todos estes núcleos, así como aos residentes en Anafreita.

7 de novembro de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.