publicidade hoxe

A Deputación de Lugo está disposta a redactarlle ao Concello de Guitiriz a modificación urbanística que desbloquearía o centro de maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

Nova solución da Deputación ao Concello de Guitiriz para desbloquear a construción do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica. O organismo provincial propuxo hoxe a esta entidade local redactarlle os documentos técnicos necesarios para a modificación urbanística que permitiría iniciar as obras deste centro para maiores. O Concello só tería que tramitar a modificación puntual do planeamento municipal, coa súa exposición pública e aprobación polo Pleno, e conceder a licencia de obras á Deputación.   

O organismo provincial fixo ao Concello guitiricense esta proposta na reunión que este martes mantiveron no municipio chairego técnicos provincias e municipais con representantes de “Falemos Claro”. Con este encontro, a Deputación respostou á petición da plataforma para coñecer a situación deste proxecto. Para iso, foi preciso que os técnicos do organismo provincial levasen ao encontro unha copia do proxecto, aínda que o Concello, como parte implicada no mesmo, conta cunha dende hai tempo.

Segundo a lei, é imprescindible que a normativa urbanística municipal recolla as necesidades do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica para poder iniciar as obras. Para que isto sexa así, existen dúas posibilidades: esperar a aprobación do PXOM ou tramitar unha modificación puntual do planeamento municipal, solución moito máis áxil. Precisamente, a Deputación leva tempo esperando a que o Concello faga dita modificación.
 
Segundo encontro con “Falemos Claro”

O de hoxe foi o segundo encontro da Deputación coa plataforma “Falemos Claro”. A finais de abril, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, reunise no Pazo de San Marcos con varios dos seus integrantes –Marian Miran Vázquez, Carmen Lamela Viera e María Pilar Campo Domínguez-. Nesta cita, Gómez Besteiro trasladou ao colectivo o “compromiso inquebrantable” do organismo provincial de investir 1,2 millóns de euros na construción do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica de Guitiriz.

Como “compromiso inquebrantable”, a Deputación mantén esta proposta e leva tempo buscando a imprescindible colaboración do Concello para facela realidade. En aras de acadar esta colaboración, os técnicos do organismo provincial trasladáronse hoxe a Guitiriz para sumar esforzos coa plataforma “Falemos Claro”, que tamén reivindica un centro público para maiores neste municipio.    

A gran excepción

O centro de día e residencia públicos na Casa da Botica é unha das dotacións sociais incluída na rede pública de centros para maiores da Deputación. O organismo provincial está a desenvolver este proxecto social grazas á implicación de Concellos de todas as cores políticas. De feito, a institución luguesa está a construír os da Fonsagrada, Trabada, Castroverde, Pol e Pedrafita do Cebreiro, e, proximamente, prevé iniciar as obras dos de Navia de Suarna e Ribas de Sil, unha vez acadados os permisos legais correspondentes. 

Sen embargo, o centro para maiores de Guitiriz é a gran excepción deste proxecto. Mentres avanzan as obras das restantes dotacións sociais, todas de semellantes características, e se producen as primeiras reunións con Alcaldes de diferentes cores políticas e servizos sociais municipais para a súa posta en marcha, o Rexedor guitiricense mantén bloqueada a construción do centro de día e residencia públicos na Casa da Botica dente hai máis de tres anos. Facendo unha excepción co fin de achegar posturas e acadar unha solución, a Deputación creou unha Comisión de Seguimento específica para o proxecto de Guitiriz, incluíndo na mesma a Teixido. Dende entón, celebráronse 4 reunións. Á última, Teixido non se presentou, nin enviou a ningún representante do seu Goberno, nin técnicos municipais.

Durante estes máis de tres anos, a postura cambiante de Teixido foi a seguinte: primeiro rexeitou o proxecto porque a Casa da Botica é un lugar moi céntrico, que dificulta a tranquilidade dos usuarios; despois aceptou a súa situación, pero coa condición de abrir unha rúa alí mesmo, deteriorando a calidade asistencial e reducindo nun 50% as dimensións das instalacións; logo voltou a rexeitar o proxecto, alegando, erroneamente, que non contempla o servizo de centro de día; e, finalmente, voltou a negarse ao seu afincamento na Casa da Botica, propoñendo afastalo do núcleo urbano e situándoo en Parga.

11 de novembro de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.