A Deputación de Lugo abre o prazo para participar no III Mercado de Nadal “Merca o teu”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputación abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes para participar no III Mercado de Nadal “Merca o teu”, a feira de artesanía e produtos agroalimentarios que o organismo provincial pon en marcha a través do Centro de Artesanía e Deseño para impulsar as vendas das PEMES e autónomos destes sectores ao tempo que se promove e difunde a artesanía e os produtos autóctonos lugueses aproveitando o Nadal. Esta terceira edición de “Merca o teu” celebrarase entre os días 19 de decembro e 5 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, agás o 24 e o 31 de decembro, onde a xornada de tarde será de 16:30 a 18:30 horas. O día 25 de decembro e 1 de xaneiro o mercado permanecerá pechado.

Os artesáns e/ou produtores interesados poden presentar xa as súas solitiudes de participación, tal e como se indica nas bases publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia. O prazo será de 15 días naturais e as instancias pódense descargar na web www.deputacionlugo.gal. Estas deberán entregarse debidamente cubertas no Rexistro Xeral da Deputación, no Pazo de San Marcos, en horario de 09:00 a 14:00 horas, ou ben por correo ordinario.

Ditas solicitudes deberán ir acompañadas por unha fotocopia do DNI ou NIF da empresa,  fotocopia da Carta de Artesán no caso de pór á venda artesanía ou fotocopia do carné de manipulador de alimentos no caso de ofrecer produtos agroalimentarios e 3 fotografías do materia a expoñer á venda. Unha comisión técnica de avaliación resolverá este concurso público  en decembro.

12 casetas para “Mercar o teu”

O III Mercado de Nadal, que un ano máis ocupará o seu lugar habitual na praza de San Marcos, onde se atopa o organismo provincial, contará con 12 casetas para os profesionais da provincia, tendo preferencia aqueles que estean adheridos á plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com. “Merca o teu” é un mercado de participación gratuíta para os profesionais, cuxa facturación nas pasadas convocatorias ascendeu a 25.000 euros.

Pódese participar de xeito individual ou de xeito conxunto, en cuxo caso deberase indicar expresamente na solicitude. Para a selección dos participantes, terase en conta, tal e como recollen as bases, que estean representados o maior número posible de disciplinas artesanais, que os produtos presentados aporten un valor engadido á oferta que habitualmente se fai e que todas as comarcas da provincia estean representadas na medida do posible.

18 de novembro de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.