A delegada territorial da Xunta en Lugo reivindica a permanencia dos valores que garda o legado popular
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que o belén de Begonte e todo o movemento cultural e social que hai arredor del representa “un gran exemplo vital para todos nós”.
Arias fixo estas declaracións durante a presentación do XLIII Nadal en Begonte, unha representación cultural que engloba un abano de propostas culturais que se desenvolven ao longo de case dous meses e que ten como máis destacada manifestación o xa tradicional belén electrónico. Na presente edición, o pregón de apertura correrá a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Arias considerou que o Nadal en Begonte é unha proposta que “dende hai máis de catro décadas engarza con éxito cultura, relixiosidade e manifestación social”, recollendo mostras do noso acervo cultural. Así, a máxima representante do Executivo galego na provincia recordou que precisamente na presente edición a celebración estrea o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego.
Neste sentido, a delegada territorial aludiu a que hai que seguir valorando “o popular, o rural e o natural” característico da nosa sociedade. “Os valores que aínda perviven nas aldeas desta comunidade teñen que compatibilizarse cos da nosa sociedade, por moi avanzada que sexa, por moi global que resulte a nosa contemplación do contorno”, subliñou a máxima representante do Executivo galego na provincia durante a presentación do Nadal en Begonte.
Respecto ao pregón, Arias asegurou que “a organización garantiuse a presenza do mellor embaixador de Galicia na actualidade, Alberto Núñez Feijóo”. Neste sentido, a presente edición será a segunda que contará como pregoeiro co presidente galego, posto que no ano 1992 fora Manuel Fraga quen abrirá as actividades.
Na presentación destas actividades participaron tamén José Ulla Rocha, alcalde de Begonte; Pilar Gómez, viúva de José Rodríguez Varela, artífice do belén; e Xesús Domínguez Guizán e Xulio Xiz, presidente e vicepresidente do centro cultural begontino, respectivamente.











