A defensa dá a cuarta vitoria ao Rio Natura Monbus Obradoiro

Encontro do Obradoiro e o Fuenlabrada
Traballada vitoria do Rio Natura Monbus Obradoiro ante o Montakit Fuenlabrada no Fontes do Sar (75-63). O equipo santiagués sobrepúxose a un inicio errático, e parapetouse en defensa para conseguir o cuarto triunfo da tempada.
Foi unha gran actuación coral, con novos protagonistas como Waczynski (15 puntos, 60% en tiros de campo, 20 de valoración) ou Daniel Miller (9 puntos 15 de valoración), e outros clásicos como o xa recuperado Kleber e Pavel Pumprla. O beirado Checho foi o xogador máis destacado do partido, con 17 puntos, tres rebotes e outras tantas recuperacións que conectaron a Sar e ao Obradoiro a un partido moi trabado e complicado durante os primeiros 20 minutos.
Quixo empezar duro o Rio Natura Monbus, comandado pola figura do omnipresente Pumprla. Atacou o aro e acertou de tres, pero reaccionou o Fuenlabrada con Akindele, Panko e o xoven Alberto Díaz. O Obra, encorsetado de inicio, consciente da importancia do envite, non logrou transformar as boas seleccións de tiro. Mostráronse agarrotados os tiradores locais, circunstancia que non aproveitou o combinado fuenlabreño, coas mans atadas polo bo traballo defensivo dos xogadores locais. Apareceu entón Daniel Miller, e converteuse nun dos protagonistas da noite. Bailou con Akindele e Clark, sendo superior a ambos, anotou e recibiu o aplauso de Sar.
No segundo cuarto gañou en acerto o equipo adestrado por Luís Casimiro. Andy Panko, máximo anotador da competición, comezou a sumar, secundado pola figura de Andrés Miso, reconvertido en base, pero igual de letal de lonxe. Emerxeu Waczynski, para manter aos galegos no encontro, e continuou coa súa gran actuación Miller, batallador no rebote e moi acertado no tiro. Abriu brecha o Fuenlabrada, con tres triplos neste parcial, deixando ao Rio Natura Monbus en 29 puntos ao descanso e seis abaixo no marcador (29-35).
Cambiou radicalmente de cara o Obradoiro á volta de vestiarios. Pese ao triplo inicial de Daniel Clark e o acerto de Jimmy Baron, o equipo de Moncho Fernández teceu unha tea de araña que terminaría afogando ao Montakit Fuenlabrada. Enchufouse Sar tras un roubo e mate de Pumprla, e o público xogou un papel fundamental como sexto home na remontada. Sumou tamén Kleber, cun tiro certeiro desde a esquina, e a agresividade de Pumprla terminou de pór por diante á escuadra galega a falta de dez minutos para a conclusión (51-46).
Libráronse dos nervios os homes de branco, e amparados no gran traballo defensivo de todo o conxunto, disparáronse no marcador cos acertos de Waczynski, por partida dobre, e do grego Giannopoulos. Aferrouse entón o Fuenlabrada á potencia de Akindele. O pivot anotou sete puntos consecutivos (17 ao final, 19 de valoración), ben en mate ou desde a liña de persoal, e apertou a contenda ameazando cun final dramático (60-56, min 36).
Non lle tremeu o pulso entón ao Rio Natura Monbus. Acougaron o ritmo as bases, e co novo compás, máis pausado, desatáronse solistas como Waczynski – nove puntos no último cuarto – Kleber e Nankivil. Puxo a rúbrica o MVP Pumprla rematando un alley-oop con Rafa Luz e sentenciou Kleber cun triplo afastado que serviu para pór o broche de ouro a unha traballada vitoria.
Volveu sorrir o Obradoiro e a gozar Sar. O esforzo defensivo resultou clave e permitiu aos locais atopar solucións en ataque, repóndose das dúas derrotas anteriores e reaccionando tras un comezo complicado. Sumou unha nova vitoria o equipo de Moncho Fernández, a cuarta en sete partidos, que lle permite afianzarse na parte nobre da clasificación.











