A Coruña será o primeiro gran concello da comunidade en aprobar o seu orzamento para 2015
A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o Orzamento Municipal de 2015, que alcanza os 252 millóns de euros -275,88 se se inclúen Emalcsa, a Empresa Municipal de Vivenda, Servizo e Actividades (EMVSA) e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE)-, a cifra máis alta deste mandato e un 3,2% máis que en 2014 -é dicir, 7,7 millóns de euros- sen subir os impostos, que se conxelarán por cuarto ano consecutivo. Como xa ocorreu ao longo de todo este mandato, A Coruña será a primeira cidade galega en aprobar as súas contas do próximo exercicio.
A tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, Rosa Gallego, acompañada do concelleiro de Economía, Roberto Coira, destacou que o Orzamento Municipal de 2015 confirma o traballo do actual equipo de goberno para que A Coruña, como referente do noroeste peninsular, cumpra tres grandes obxectivos para mellorar a calidade de vida dos coruñeses e construír entre todos unha cidade do século XXI:
– Ser a cidade máis solidaria de Galicia, co orzamento para Servizos Sociais máis alto da historia (16,15 millóns de euros, un 3,7% máis que en 2014, e case un 20% máis que en 2011).
– Ser a cidade que presenta a menor taxa de desemprego.
– Ser a cidade que executa máis investimento para que todos os barrios da Coruña sexan de primeira.
“Este triplo obxectivo permítenos presentar un balance tremendamente positivo destes catro presupostos municipais, pois con respecto á etapa do goberno bipartito, neste mandato as partidas para a área de Empresa, Emprego, Comercio, Mercados e Turismo incrementáronse máis do dobre, un 111%; para Servizos Sociais a subida é do 28,4%; e para Infraestruturas, Urbanismo, Rehabilitación e Medio Ambiente alcanza un 13,8% máis. En total, son 70 millóns máis de euros para contar cunha cidade máis dinámica, máis social, máis verde e máis comprometida coa accesibilidade, a mobilidade e a rexeneración urbana”, destacou Rosa Gallego.
O Orzamento Municipal de 2015 aprobarase de maneira inicial no pleno do 18 de novembro, para a continuación abrir un prazo de exposición pública e, unha vez analizadas as propostas que se presenten, aprobalo definitivamente para que a partir do 1 de xaneiro o Concello poida pór todos os recursos municipais de 2015 ao servizo dos cidadáns.
Así, por cuarto ano consecutivo, A Coruña pode presentar e aprobar en prazo os orzamentos para que entren en vigor o 1 de xaneiro, unhas contas municipais que se axustan ás demandas reais dos cidadáns: “O Orzamento Municipal de 2015 resume ao detalle o que fixemos durante estes tres anos e o que imos lograr ao final deste mandato: achegar a administración aos coruñeses e contar coa súa participación á hora de construír entre todos a cidade do século XXI que queremos”, sinalou Gallego.
O Goberno municipal tamén repite por cuarto ano consecutivo a conxelación dos impostos sen nin sequera aplicar as subidas de IPC: “É un feito único na historia desta cidade. Nunca antes durante un mandato completo se mantiveron conxelados os impostos e taxas municipais, o que permitiu aforrar 10 millóns de euros aos coruñeses”, afirmou a tenente de alcalde de Facenda e Administración Pública, quen lembrou que A Coruña se atope entre as cidades co IBI máis barato de todas as urbes españois (posto 49 de 52); entre as que ten menor débeda por habitante (319 euros por cidadán, case a terceira parte da media de poboacións de máis de 100.000 habitantes, con 883 euros); e entre as que paga aos seus provedores en menos tempo (período medio de pago de 39 días, fronte á media de 118 días a nivel estatal).
MÁIS INVESTIMENTO E MÁIS EXECUCIÓN
O concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira, agradeceu o traballo realizado polos técnicos do seu departamento á hora de elaborar os orzamentos, así como do esforzo realizado polo resto de áreas de goberno á hora de executalos durante este tres anos. Grazas a unha xestión máis eficaz e realista, os números que se recollen nos orzamentos tradúcense en novas obras, mellores servizos sociais, máis programas para xerar emprego de calidade e unha aposta decidida pola rehabilitación e a mobilidade.
En 2013, alcanzamos unha marca de execución na historia da cidade, tanto do orzamento global, cun 84,5%, como do capítulo de investimentos, cun 65%, fronte ao 40% que alcanzou de media o bipartito durante o pasado mandato. “Do mesmo xeito que nos orzamentos do Estado e da Xunta, a gran noticia é que, en contra do que ocorría en etapas anteriores, agora as obras empézanse e termínanse. Os orzamentos municipais deixaron de ser un simple protocolo de boas intencións que a final de cada ano traducíanse en papel mollado para converterse hoxe nunha realidade. Agora, os orzamentos municipais si son máis escolas infantís, máis centros cívicos, máis investimento en rúas, prazas e xardíns, e máis actuacións para mellorar a mobilidade”, sinalou Coira.
O concelleiro puxo como exemplo o incremento espectacular dos capítulos 6 (investimentos) e 7 (transferencias de capital), con 50,22 millóns de euros, un 32,7% máis que no presente exercicio -un incremento de 12,37 millóns-, o que permitirá, por exemplo, multiplicar por 2.000 o investimento no plan de mellora de prazas e vías públicas, con preto de 6,9 millóns de euros, con respecto a 2011; aumentar un 30% o orzamento para o plan de mellora de accesibilidade de vías públicas, ata os 1,8 millóns; e destinar 1,15 millóns de euros no Plan de Ascensores, un 15% máis que no orzamento inicial de 2014, un proxecto pioneiro no que o Concello xa investiu preto de 5 millóns de euros.
Todas estas actuacións complétanse con outros grandes proxectos que están en fase de execución ou xa programados, como o Plan Conecta Castrillón e o polideportivo con piscina para o barrio (7 millóns de euros); os aparcadoiros das Conchiñas (máis de 2,5 millóns) e do Hospital Materno Infantil (3,5 millóns de euros); ou o concurso de ideas para a redacción do proxecto para a construción do futuro cuartel da Policía Local.
INGRESOS
A pesar de conxelar os impostos municipais por cuarto ano consecutivo, o Orzamento Municipal de 2015 aumenta sobre todo grazas á participación nos ingresos do Estado -con 4,76 millóns de euros máis, cun incremento do 7,14%- e aos fondos procedentes da Deputación. Roberto Coira detallou cales son as principais fontes de financiamento do Concello para o próximo ano:
– Recursos tributarios, impostos directos, indirectos, taxas e outros ingresos, que alcanzan os 155,85 millóns de euros, unha cifra similar á deste ano. Neste capítulo, o concelleiro destacou o comportamento e o grao de compromiso e responsabilidade dos coruñeses co pago das súas obrigacións tributarias: o nivel de execución de ingresos foi do 87% o ano pasado, dous puntos máis que en 2012.
– Transferencias de capital: 5,34 millóns de euros, un 255% máis que este ano (foron 1,5 millóns). Este aumento explícase fundamentalmente pola achega prevista pola Fundación Amancio Ortega -2,7 millóns de euros para a construción do parque Adolfo Suárez en San Pedro de Visma- e polas achegas da Deputación para o Plan de Obras e Servizos (POS) e para o Plan DTC, cun millón de euros.
– Participación en ingresos de Estado e Xunta: máis de 80 millóns de euros.
ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA E INNOVACIÓN
A tenente de alcalde de Facenda destacou os preto de 7 millóns de euros programados para 2015 por Emalcsa para os proxectos Coruña Smart City, unha iniciativa municipal cofinanciada nun 80% polos fondos FEDER e que inclúe 14 proxectos piloto (10 atópanse xa en desenvolvemento; dous están en proceso de adxudicación e os outros dous, o proxecto Bio e o de interacción cidadá, atópanse en fase de licitación) e catro máis nos que se está traballando para avanzar cara a unha cidade cada vez máis intelixente.
Aos proxectos Smart City súmase novo investimento da área de goberno que dirixe Rosa Gallego para continuar adiante co plan de modernización da administración. En concreto, son ao redor de 3 millóns de euros para Planificación e Administración Electrónica, o que permitirá a mellora da atención aos cidadáns, recortando o tempo de pago a provedores e a tramitación de expedientes.
Neste mandato, a adquisición de software e equipos e desenvolvementos de web alcanzou os 3,7 millóns de euros, case catro veces máis que durante o goberno do bipartito, que apenas orzou un millón de euros entre 2008 e 2011.
Para achegar a administración aos coruñeses a través do uso das novas tecnoloxías, o Concello xa conta con outras ferramentas pioneiras na cidade, como a Ordenanza de Administración Electrónica, o Rexistro Central de Facturas e a Firma Electrónica, o que permitiu, segundo a Conta Xeral de 2013, rebaixar de maneira significativa o período medio de pago en pouco máis dun mes, ata os 39 días, é dicir, a metade que en 2010, cando se atopaba en 76 días.
A maiores, a área de Facenda e Administración Pública realizou novos recortes en gastos en telefonía, servizo postal, seguros e publicidade, un 15% menos con respecto a este ano. Rosa Gallego tamén destacou outras rebaixas alcanzadas no orzamento nestes catro anos de goberno fronte á etapa do bipartito:
– Arrendamento de locais, edificios e naves: o orzamento rebaixouse á metade, un millón menos.
– Gastos en telefonía, servizo postal, transporte, seguros, actos protocolarios, publicidade e reunións rebaixáronse en 5,56 millóns de euros neste mandato.
“A Coruña conseguirá en 2015 afianzar a súa posición como cidade máis social, máis dinámica e máis investidora de Galicia grazas ao seu compromiso coa cidadanía e a unha ecuación que todas as familias aplican nas súas casas: rebaixar o gasto superfluo, mellorar a xestión administrativa e reducir o custo de funcionamento. O Orzamento Municipal de 2015 axústase ás demandas reais dos cidadáns para construír entre todos unha cidade do século XXI”, engadiu o concelleiro de Economía e Facenda, Roberto Coira.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno Local tamén concedeu esta mañá a licenza para a construción da escola infantil da Sardiñeira, o que suporá un investimento na cidade de máis dun millón euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato ata os 310,9 millóns de euros.
A licenza outorgada á Fundación Amancio Ortega permite a construción deste centro educativo infantil nunha parcela de 967 metros cadrados da avenida da Sardiñeira, xunto ao instituto. Este equipamento, para 82 alumnos, inclúe 6 aulas con área de xogo, descanso e hixiene cada unha (dúas aulas para 8 alumnos de 0 a 1 ano; dous para 13 estudantes de 1 e 2 anos; e outras dúas para 20 alumnos de 2 a 3 anos), unha sala de usos múltiples, aseo público adaptado, lavandaría, zona de xogos cuberta e a urbanización exterior da escola infantil, onde se construirá un aparcadoiro para 10 prazas.
O proxecto final consistirá nunha plataforma única similar á das pistas polideportivas lindeiras, cunha altura máxima de 7 metros. Con esta solución, os técnicos queren favorecer a mobilidade no interior do inmoble e evitar barreiras arquitectónicas, ademais de apostar por aproveitar os espazos vacantes na edificación para resolver as necesidades de acceso peonil e destinalos a espazos axardinados.
A concesión desta licenza prodúcese tras dar un paso definitivo no pleno de decembro do ano pasado no que se aprobou o cambio de uso da parcela (de educativo a educativo-asistencial) e o estudo de detalle do novo centro educativo no que se ordenaron os volumes e fixáronse as condicións estéticas deste equipamento incluído dentro do Plan Educa e da colaboración do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e do Executivo municipal.
Coa construción desta escola infantil, o número de prazas aumentaría ao final deste mandato nun 40%. A este equipamento educativo súmanse dous máis (Agra do Orzán, en execución; e Padre Rubinos, escola xa inaugurada). Para o funcionamento de ambos os centros, o Goberno local destina 382.000 euros no orzamento do próximo ano.
DÉBEDA MUNICIPAL
Ademais dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local desta mañá, o Concello tamén informa de que no pleno que se celebrará o próximo 18 de novembro aprobarase solicitar ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a ampliación do pago das liquidacións negativas correspondentes á participación nos ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009, pois o entón Goberno dirixido por José Luís Rodríguez Zapatero concedeu ao Concello 24,35 millóns de euros máis dos que lle correspondían.
O pago destes 24,35 millóns de euros orixinouse por mor dun erro de cálculo da Administración central na etapa de goberno socialista e na posterior decisión do bipartito municipal de gastar un diñeiro que finalmente non lle correspondía. Esta circunstancia xerou agora unha cuantiosa débeda ás arcas públicas do Concello.
Os criterios establecidos polo Ministerio para que os concellos poidan solicitar a ampliación do período de pago desta débeda de 10 a 20 anos son que se cumpran o obxectivo de estabilidade orzamentaria e o límite de débeda pública, así como o período medio de pago. Ao mellorar a xestión administrativa e cumprir todos estes requisitos, o Concello coruñés pode solicitar esta ampliación do prazo, considerada moi vantaxosa porque o pago anual desta débeda pasa de máis de 2,3 millóns a 953.823 euros, menos da metade ao ano, o que implicará máis aforro orzamentario para destinalo ás verdadeiras necesidades dos coruñeses.
Desde que empezou o período de devolución desta débeda o 1 de xaneiro de 2012, o Concello abonou máis de 8 millóns de euros (a 31 de decembro, quedarán pendentes de devolver máis de 16,2 millóns), unha cantidade que equivale á metade do orzamento municipal para a área de Servizos Sociais.











