A Coruña promociónase con encontros e degustacións gastronómicas en Asturias e Castela e León
O Consorcio de Turismo, que preside a tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, promocionará A Coruña como destino de proximidade de primeiro nivel nas comunidades autónomas de Castela e León e Asturias entre mañá, martes 18 de novembro e o día 26 con encontros en León, Valladolid, Xixón e Oviedo, cidades onde o Consorcio de Turismo presentará a oferta coruñesa da man dalgúns dos principais hoteleiros e cociñeiros da cidade.
Buscar a desestacionalización da oferta turística e dar a coñecer os atractivos de A Coruña como destino gastronómico, familiar ou de fin de semana son os principais obxectivos da iniciativa, que se centrará en organizar presentacións en cada cidade con encontros de traballo entre profesionais do sector. As presentacións contarán coa asistencia da presidenta do Consorcio de Turismo como mostra do respaldo institucional ao sector e a esta iniciativa que aposta por converter A Coruña en destino de referencia do noroeste español.
As bondades da cociña atlántica, baseada na extraordinaria calidade dos produtos coruñeses -carnes, peixes e mariscos, especialmente- é outros puntos fortes da oferta coruñesa, onde unha nova xeración de cociñeiros está a revolucionar os fogóns. Así, entre os membros da delegación coruñesa participarán chefs de recoñecido prestixio como Pablo Gallego, do restaurante Pablo Gallego; Eduardo Pardo (Domus); ou Chisco, do restaurante Culuca, que elaborarán menús degustación para os asistentes.
Entre os hoteleiros coruñeses que participarán nos workshop atópanse, entre outros, o Hotel Hesperia Finisterre, Hotel Aticca 21, Meliá María Pita, Tryp Coruña, Hotel Riazor Coruña, AC Hoteis, Hotel Zenit Coruña, Hotel Blue Coruña e Hotel NH Atlántico. Os eventos, aos que asistirán axencias de viaxes, operadores de turismo e medios especializados, celebraranse nas seguintes datas: León o 18 de novembro, Valladolid (19), Oviedo (25) e Xixón (26).
A COCIÑA CORUÑESA, EN LYON
A cidade tamén se promocionará como destino gastronómico en Lyon (Francia) dentro das accións deseñadas por Saborea España, a plataforma turística da que A Coruña é membro e cuxa principal finalidade é impulsar e difundir a calidade e variedade da gastronomía española en todo o mundo.
O evento consistirá nun showcoooking a cargo de Luís Veira, do restaurante Árbore da Veira e Estrela Michelín. O chef presentará ante medios de comunicación, operadores de turismo e axencias especializadas en turismo gastronómico, así como importadores e distribuidores de produtos agroalimentarios en Francia, o prato Zamburiñas con xogo de tuétano e caviar, realizado baixo as premisas de calidade, bo gusto e a oferta gastronómica excepcional da cociña atlántica. O evento celebrarase o vindeiro xoves, 20 de novembro.











