A Coruña e O Porto establecen as bases para desenvolver unha estratexia turística conxunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira na visita a O Porto

Carlos Negreira na visita a O Porto

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polos tenente de alcalde Luisa Cid e Martín Fernández Prado, visita estes días a cidade do Porto, co obxectivo de avanzar no traballo conxunto iniciado o pasado mes de marzo, tras o encontro mantido por ambas as cidades na Coruña: “A cooperación é o principal valor do século XXI, se cooperamos seremos capaces de multiplicar as oportunidades de ambas as cidades, dos seus veciños e das súas empresas. Un goberno que fai alianzas coa sociedade civil e co sector económico, facendo bandeira da súa cultura, ofrece máis posibilidades de futuro e progreso aos seus habitantes”, asegurou o alcalde, quen explicou, ademais, que nestes meses fóronse madurando varios proxectos “co obxectivo común de ser un modelo para todas as cidades medias”.

Ao longo destes dous días, os representantes de ambos os concellos manterán diferentes encontros sectoriais relativos aos ámbitos que as dúas cidades queren impulsar conxuntamente como o mundo da cultura, as novas tecnoloxías e Smart Cities, o turismo ou a auga. A xornada de traballo de hoxe estivo marcada polo turismo e a gastronomía, na que avanzaron en proxectos comúns e nas seguintes iniciativas:

– Creouse un grupo de traballo, formado por técnicos do Porto e da Coruña, que identificará proxectos conxuntos que poidan presentarse na nova fase dos fondos europeos. Traballarase en iniciativas relacionadas con cidades patrimonio da humanidade, turismo senior ou turismo gastronómico, utilizando a dieta atlántica como xeradora de proxectos conxuntos: “Temos unha dieta atlántica que temos que potenciar, porque forma parte do noso saber facer”, subliñou Negreira.

– Participación no Fórum Gastronómico 2015. Convidouse á cidade do Porto a participar no Forum Gastronómico 2015, dándolle un protagonismo especial dentro do evento, combinándoo con accións gastronómicas da cidade lusa na nosa cidade e viceversa.

– Actividades promocionais cruzadas. Avanzouse nunha oferta turística conxunta, na que se inclúen accións gastronómicas, workshops de oferta turística con operadores e establecementos hoteleiros… tamén eventos cruzados a realizar nas dúas cidades.

Unha vez finalizada a reunión de traballo, o alcalde presentou a oferta turística da cidade, da que destacou a dieta atlántica, a máis dun centenar de representantes do ámbito turístico, social, económico e empresarial. Neste sentido, A Coruña ofreceu unha degustación de produto locais a cargo do cociñeiro coruñés con estrela michelín Iván Domínguez, do Restaurante Alborada.

Carlos Negreira sinalou, ademais, que, de cara aos fondos europeos 2014-2020, Europa aposta polos proxectos comúns entre cidades. “Europa entende que as cidades non poden ir cada unha polo seu lado, teñen que colaborar e presentar proxectos conxuntos.
A Coruña e O Porto estamos a unha distancia idónea e temos moitos intereses en común. Que sexamos socios non é unha casualidade, O Porto reúne as condicións para ser un socio óptimo e nós tamén para eles. Agora temos que camiñar da man xunto con outra cidade francesa para traballar en proxectos gañadores que xeren esperanza”, explicou o alcalde.

Pola súa banda, o presidente da Câmara Municipal do Porto, Rui Moreira, destacou na recepción realizada á delegación coruñesa, a importancia de colaborar e que ambas as cidades están nun momento de aprendizaxe mutua: “Vimos na Coruña moitas similitudes. É un pracer telos aquí dous días de traballo para atopar propostas que teñan impacto directo nas nosas cidades para captar investimentos e para facelas máis confortables para todos”, sinalou.

6 de novembro de 2014 | 20:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.