A Consellería de Benestar destina 630.000 euros a 26 entidades de inclusión da provincia de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Beatriz Mato na visita á entidade Juan Soñador

Beatriz Mato na visita á entidade Juan Soñador

Un total de 26 entidades de inclusión social da provincia de Ourense benefícianse este ano da orde de axudas da Consellería de Traballo e Benestar destinada a este colectivo. Esta convocatoria supón o investimento neste exercicio de 630.000 euros na provincia, un 10 por cento máis que o ano anterior. Ademais, unha gran parte das entidades están a percibir unha contía maior que en 2013.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe a fundación Juan Soñador, coa que o departamento autonómico ten colaborado con máis de 750.000 euros nos últimos seis anos e que este ano recibirá máis de 92.000 euros. Lembrou que a orde de axudas para entidades de inclusión incrementouse este ano para toda Galicia ata acadar os 3,7 millóns de euros e en 2015 acadará os 4 millóns, o que supón un incremento do 37% nos últimos tres anos.

Dito esforzo permitiu incrementar o número de entidades con axuda ata as 117 en toda Galicia, un 11,4% máis que en 2013, ademais de que a maior parte das entidades perciben unha contía maior. En total, financiaranse 321 actividades.

Beatriz Mato destacou o labor social que leva a cabo Juan Soñador a través de programas como o ‘Teranga’ que se desenvolve nos centros da Coruña, Vigo e Ourense. Este último que atende a 270 persoas cada mes.

A conselleira lembrou que este ano se puxo en marcha de forma pioneira unha orde para a contratación de persoas que están percibindo a RISGA. A orde está dotada con 5 millóns de euros e permite a contratación de máis de 620 perceptores da RISGA por parte dos concellos. Na provincia de Ourense hai actualmente 106 persoas de 26 concellos beneficiarias destes contratos, o que supón un investimento de 750.000 euros.

A titular de Traballo indicou que para 2015 duplícase a contía da orde de contratación de RISGA, que contará con 10 millóns, co obxectivo de contratar a 1.200 perceptores.

Así mesmo, a titular de Benestar engadiu que, ano tras ano, auméntase a partida destinada á inclusión. O orzamento das partidas destinadas á inclusión é de 70 millóns de euros, un 17,7% máis que en 2014. Ademais, increméntase a RISGA en 8 millóns de euros, un 20% máis que o orzamento inicial que este ano e blíndanse as axudas de integración social, con 4,5 millóns de euros.

5 de novembro de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.