A Concellería de Xuventude organiza novos cursos e obradoiros en Ourense
A Concellería de Xuventude do Concello organiza novos cursos e obradoiros de cociña, idiomas, formación de monitores/as de tempo de lecer e manipulación de alimentos dirixidos a mozos e mozas a partir de 15 anos, que se desenvolverán dende novembro ata xaneiro, dentro do programa “Ourense Xove”.
As persoas interesadas poderán inscribirse dende pasado mañá, xoves, día 6, ou recibir máis información na Concellería de Xuventude, na Praza de San Martiño, 2, baixo, teléfono 988 388154, e mail xuventude@ourense.es. O prazo de inscrición estará aberto ata completar as prazas, que se adxudicarán dando prioridade ás persoas de menos de 35 anos.
Con estas actividades, a Concellería de Xuventude busca estimular a participación social da mocidade cunha actuación de carácter educativo e lídico, programando actividades formativas que garantan unha aprendizaxe activa e creativa, e proporcionen a mozos e mozas formación para o emprego. Tamén se persigue contribuir a desenvolver e afianzar a madurez persoal mediante a adquisición de hábitos e capacidades útiles para o traballo e tamén para a súa actividade social e cultural. Os cursos e obradoiros son:
-CURSO DE MANIPULADOR/A DE ALIMENTOS E HIXIENE ALIMENTARIA. Con 20 prazas, desenvolverase durante 20 horas, os luns e mércores dende o 26 de novembro ata o 12 da xaneiro, de 16:30 a 18:30. O prezo é 21,40 €.
– OBRADOIRO DE COCIÑA NO NADAL. PRIMEIRO, SEGUNDO E POSTRE. Con 15 prazas, os días 3, 4 e 10 de decembro, de 19,00 a 22,00. De balde.
– OBRADOIRO DE GALLETAS E CUPCAKES. ESPECIAL NADAL. Con 15 prazas, os días 11, 17 e 18 de decembro, de 19:00 a 22:00. De balde.
– OBRADOIRO: PLANIFICA E ELABORA MENÚS LOW COST VARIADOS E SAUDABLES Curso gratuíto, con 15 prazas, durante 12 horas os días 14, 15, 21 e 22 de xaneiro de 2015, de 19:00 a 22:00 horas.
– INGLÉS PARA A ATENCIÓN AO PÚBLICO. Curso gratuíto, con 20 prazas, luns e martes dende o 25 de novembro ata o 30 de decembro, de 20:00 a 22:00 horas (20 horas en total)
– INICIACIÓN AO ALEMÁN PARA A ATENCIÓN AO PÚBLICO. Con 20 prazas. Este curso gratuíto desenvolverase durante 24 horas, os sábados, de 10:00 a 13:00, dende o 29 de novembro ata o 24 de xaneiro.
– CURSO OFICIAL DE MONITOR DE TEMPO LIBRE. Constará de 200 horas teóricas e 150 horas prácticas, dende o 12 de decembro ata o 18 de xaneiro, en horario de mañá e tarde. A matrícula custará 120 euros. Ten como obxectivo formar aos participantes no coñecemento das técnicas de tempo de lecer, capacitar aos responsables da acción pedagóxica e coordinación de actividades de grupos infantís e xuvenís, así como favorecer o intercambio de experiencias, a cooperación e as interrelacións persoais.











