A compañía teatral Animundis estrea en Carballo un musical para público infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballo
A-
A+

Carballo acolle a estrea o domingo 30 de novembro ás 18.00 horas do primeiro espectáculo teatral e musical da compañía Animundis, creada por xente carballesa ou residente na vila e que tamén escolleu a capital de Bergantiños como escenario para a súa posta de largo. Benjamín Queiro é a alma máter de Animundis e responsable do texto, da adaptación de guión e das composicións musicais desta primeira peza que leva o mesmo nome que a compañía, “Animundis”. Trátase dun musical para todos os públicos, pero especialmente para nenos e nenas de 3 a 10 anos, no que os maiores gozarán tanto coma os cativos de composicións que van do funky, ao swing e ao rock. “Animundis” narra a conmovedora e divertida historia de Bim “o pingüín frioleiro” e Kiwi “o paxaro que non pode voar”. Os dous teñen un soño e farán todo o posible para conseguilo nunha educativa obra na que os risos están asegurados, mais que amosa, así mesmo, as eivas dunha sociedade intolerante grazas á utilización non só da música menos convencional, senón tamén das novas tecnoloxías multimedia. Na presentación desta nova iniciativa, Queiro explica que, a pesar de que os membros da compañía contan con experiencia por separado na creación de espectáculos, trátase da súa primeira produción profesional no mundo do teatro, polo que non falta o “nerviosismo”, así como a arela de que “aínda que o domingo ao ser a estrea non sexa a mellor función de todas”, si sexa o primeiro paso para que esta produción “aporte moito ao panorama galego das artes escénicas”. Benjamín Queiro, que estivo acompañado na presentación de Animundis polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, explica que un dos motivos para estrear en Carballo é que na compañía hai xente como el mesmo, nacido en Vimianzo pero residente en Carballo dende hai dous anos, así como outras persoas da vila ou tamén residentes nela. Outro dos motivos é a “aposta decidida polo teatro” que fai Carballo, non só co FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), senón con outra programación estable ao longo do ano e tamén polas “boas instalacións” do Pazo da Cultura e a boa disposición da Concellaría para facilitar a estrea. Entre bromas, mesmo pediu desculpas aos seus veciños de Vimianzo por non estrear alí. Ao contrario que noutras producións teatrais, en “Animundis” Queiro creou a música antes que o texto, creando unha peza moi dinámica e participativa para os cativos e cativas e na que hai elementos como unha catapulta (que Queiro trouxo con el para a rolda de prensa) cuxa función poderá descubrir o domingo o público que se achegue ao Pazo da Cultura; e tamén ilustracións para acompañar a obra. Subliña que se trata dunha función infantil, pero na que tamén se persegue “que os pais movan o esqueleto”. A creación da compañía e da música comezou hai dous anos, mentres que levan preto de seis meses co proceso de ensaios, adaptación e axustes dende que se rematou o guión, en xuño deste ano.

Dous actores e catro músicos en escena

Animundis, salienta Queiro, espera facerse cun oco no panorama teatral para público infantil que en Galicia é moi amplo, variado e de calidade, con “compañías moi boas”. Para iso, aposta non só pola música, senón tamén polas novas tecnoloxías e os elementos audiovisuais, con seis artistas (un actor, unha actriz e catro músicos) enriba do escenario, e tres técnicos detrás. Carlos Sante está na dirección; Manuel Dourado na imaxe e son; María Alejandra Rodríguez detrás da escenografía; e Ramón Santos, que ten traballado para compañías como Yllana, no vestiario. Os actores son Anita Baker e Keke Diez. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís quixo dar a benvida a esta nova compañía “con integrantes veteranos” que contan “con ampla traxectoria en solitario”. O Alcalde, Evencio Ferrero, declarouse “encantado de que se fagan estreas” así como “novos proxectos artísticos, teatrais e tamén económicos”, xa que, engade, “sempre insistirei en que dinamizando actividades culturais tamén se está dinamizando a economía”. Quixo animar á xente a que se achegue ao Pazo da Cultura e desexou que Animundis conte no futuro cunha longa e exitosa traxectoria para que el mesmo poda comentar “a esa compañía vina debutar eu hai moitos anos en Carballo”.

27 de novembro de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.