A Comisión de Pleno ditamina favorablemente a modificación de crédito para as expropiacións nas Burgas
A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente en xuntanza celebrada esta mañá aprobar a modificación orzamentaria necesaria para completar as expropiacións de terreos incluidos no Plan Especial das Burgas e o seu contorno. A modificación de crédito prevé destinar unha contía de 1,6 millóns de euros á adquisición de terreos que son necesarios para desenvolver os proxectos municipais de posta en valor deste Ben de Interés Cultural e executar a construción dun hotel balneario.
O ditame recibiu os votos favorables do grupo municipal de PSdeG-PSOE no Concello, e reserva de voto para pleno dos grupos de PP, BNG e DO. A proposta de acordo será incluida na orde do día do Pleno do vindeiro venres, 7 de novembro, para a súa aprobación.
A expropiación dos terreos será financiada con cargo a remanente de tesourería para gastos xerais do que dispón o Concello na actualidade, de acordo cos resultados da liquidación do orzamento de 2013.
Con ela se avanzará no desenvolvemento das actuacións previstas no Plan Especial do BIC coa categoría de sitio histórico para o conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno aprobado o 27 de xaneiro de 2012 polo Pleno do Concello, de acordo co Decreto 17/2007 da Xunta de Galicia que declarou o conxunto Ben de Interese Cultural.











