A Casa das Letras acollerá unha mostra sobre a Rapa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, anunciou hoxe que a Casa das Letras acollerá tras a súa inauguración no mes de decembro unha mostra sobre a Rapa das Bestas que incluirá, entre outros elementos e materiais, a proxección do vídeo promocional gravado no mes de xullo, que tamén será empregado en posteriores accións de divulgación desta Festa de Interese Turístico Internacional.

Constenla cualificou como “penosa” a actitude de Dono e do PSOE por “cuestionar novamente a promoción da Rapa” ao criticar a contratación de varios servizos para a súa divulgación, entre os que se atopaban o labor do gabinete de prensa, a organización dun Blog & Net Day, a realización de reportaxes fotográficas e a gravación dun vídeo promocional.

Asegurou que o PSOE coñece todos os datos referentes a esta acción porque fóronlle “enviados en tempo e forma en resposta á súa pregunta no pleno” e acusou a Dono de “faltar á verdade e e manipular os datos e a realidade torticeiramente” porque “carece de iniciativa para facer unha oposición construtiva”.

Ao respecto, lembrou que dita resposta ao PSOE mencionaba que o gabinete de prensa atendeu a 167 xornalistas, reporteiros e fotoxornalistas de 83 medios de comunicación e proxectos cinematográficos ou turísticos. Entre os medios acreditados figuraban axencias estranxeiras como France Press, Reuters, Getty Images e a Axencia de Noticias de Portugal ou cabeceiras como Daily Star.

En canto á repercusión do evento, entre o 27 de xuño e o 29 de xullo o servizo de seguimento contabilizou un total de 112 impactos mediáticos, que, de avaliarse segundo o Valor Publicitario Equivalente (VPE), superarían o millón de euros de investimento en promoción da Rapa.

Ademais dos medios españois, destacan as novas e reportaxes difundidas en cabeceiras e páxinas web de nove países: Reino Unido, Estados Unidos, Rusia, México, Panamá, Honduras, El Salvador, Portugal e Arxentina.

Por outra banda, o Blog & Net Day da Rapa das Bestas contou coa participación de dez bloggers e expertos en redes sociais de Galicia, Madrid e Portugal. Esta acción rexistrou nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram un total de 991 insercións co hastag #Rapa das Bestas, sumando 2.349.499 impactos e alcanzando a 199.050 persoas.

En canto á divulgación do vídeo, Juan Constenla aclara que “si chegou a proxectarse na pantalla da Praza do Concello o día da saída de La Vuelta, pero pola montaxe do operativo e pola presenza dunha haima non tivo a repercusión desexada”.

Constenla considera que “a realidade e as cifras son ben sinxelas”, e os resultados do labor de divulgación están “valorados e cuantificados”, pero Dono “está a pór en práctica a estratexia de repetir unha mentira mil veces para que pareza que é verdade”. Por este motivo, recomendoulle a Dono que non se poña “tan nervioso” cando aínda faltan seis meses para as eleccións e pediulle que “asuma dunha vez que perdeu as eleccións en 2011”. Ademais,

asegura que “pasaralle o mesmo” en maio de 2015 porque “fronte ás iniciativas e proxectos do PP, el só tenta enturbiar”.

8 de novembro de 2014 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.