A Carreira do San Martiño xa supera os 10.000 deportistas a tres días de pechar o prazo de inscrición
A Carreira do San Martiño chega á súa 38 edición mantendo o ritmo de inscritos do pasado ano, na que foi a carreira con máis participación da nosa comunidade. A falta de tres días para o remate do prazo de inscrición (o domingo día 9), hai xa 10.111 atletas rexistrados, nas tres modalidades.
A proba celebrarase o domingo día 16 de novembro, a partir das 11 horas, con tres percorridos: 10 km categoría adultos -saída ás 11 h-, 4,7 km escolares -saída ás 12:30 h- e 1,4 cativos -saída ás 13:15 h-.
Novidades desta edición
Algunha das novidades desta edición é o custe da inscrición en categoría de adultos, de 3 euros para os participantes que se inscribiron durante o mes de outubro, e 5 euros para os inscritos en novembro. Nas categorías de escolares e cativos é gratuíta.
Tamén haberá un novo premio para os atletas que crucen en primeiro lugar na metade da proba (quilómetro cinco). Así mesmo, esta 38 edición será a primeira con caixóns de saída, en función das marcas dos atletas na San Martiño 2013. Caixón negro para marcas inferiores a 35 minutos (homes) e 40 minutos (mulleres), vermello (entre 35 e 40 minutos) amarelo (entre 40 e 48 minutos) e verde, para o resto.











