A Carballeira de Francos acollerá a tradicional Feira Cabalar do San Martiño
Mañá, 11 de novembro, a carballeira de Francos acollerá a feira cabalar do San Martiño. Trátase dunha feira con séculos de historia na que o principal foco de interese son os cabalos, para comprar, vender ou para mirar. Ademais dos propietarios dos animais milleiros de visitantes encherán a carballeira.
Xunto cos animais tamén terán o seu protagonismo os postos de venda de produtos de artesanía ou alimentación. Máis de oitenta postos nos que se poderá atopar produto agrícola de proximidade ademais de roupa, calzado, ferramentas… Tamén hai prevista unha exposición de animais de razas autóctonas, vacas, cabras e cabalos.
A carballeira, dende primeira hora da mañá, será un espazo para as persoas e libre de vehículos. O acceso dos animais e dos coches dos postos farase antes das 09:00 horas para que logo quede para o desfrute dos visitantes. No propio acceso dos cabalos haberá un veterinario e durante a xornada tamén se poderán facer as guías para o traslado dos animais na escola vella de Francos, ó carón do cruceiro. Os cabalos, burros ou ponis estarán colocados, como o ano pasado, nuns postes instalados polo Concello para evitar máis danos aos carballos xa que se lle producía un importante deterioro candos se ataban nas árbores os grupos de animais.
Policía Local e Protección Civil coordinan un operativo que busca interferir o menos posible no normal desenvolvemento da feira e que se centra sobre todo na ordenación do tráfico, acceso ás zonas de aparcadoiro… Dende o Concello agradécese a colaboración con este operativo dos servizos de Protección Civil de Valga, Santiago e da propia Garda Civil.
Outro elemento indispensable na feira do San Martiño son os postos para comer o polbo que xa están instalados dende esta fin de semana. Esta noite precisamente, cando se prevé que moita xente xa acuda a cear alí, actuarán a Charanga da SR de Calo e o grupo de percusión Fondaos do pífaro.











