publicidade hoxe

A caída de dous raios na Luaña causan danos materiais na escola unitaria e en varias vivendas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónSucesos
A-
A+
Comprobación dos danos

Comprobación dos danos

A caída de dous raios na contorna da Igrexa da Luaña causaron esta mañá diversos danos materiais nas vivendas da contorna e, especialmente, na escola unitaria da parroquia. O primeiro dos raios, que caeu pasadas as 11:00 da mañá, queimou o router e un dos ordenadores da escola da Luaña. O segundo dos raios, que caeu pasadas as 12:30 horas, fixo saltar todas as chaves de teléfono non só da escola brionesa, senón tamén das vivendas da contorna.

En ningún dos dous casos houbo que lamentar ningún tipo de dano persoal, se ben o alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a Policía Local se desprazaron ata a zona tras ser avisados da situación pola mestra da escola da Luaña. Unha vez na escola, comprobaron que os pequenos se atopaban perfectamente e que viviran a situación con total calma. “Púxose todo branco”, comentaba un deles sobre a granizada caída á primeira hora. “Fixo moito ruído e tirou todo polo chan”, explicaba outra das pequenas sobre o segundo raio, que fixo saltar todas as chaves de teléfono.

O alcalde brionés tomou nota dos desperfectos ocasionados na escola infantil da Luaña e xa deu orde de que esta tarde se desprace un técnico municipal para arranxalos. Así mesmo, indicoulle á Policía Local que elabore un informe sobre o acontecido e que llo envíen á compañía telefónica, para facilitarlles as xestións aos veciños que teñan que reclamar polos danos sufridos.

4 de novembro de 2014 | 20:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.