A biblioteca nodal de Lugo ofrece en novembro un amplo programa de actividades educativas e de lecer

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece dende hoxe na Biblioteca Nodal de Lugo un curso de alfabetización dixital para aprender a manexar un procesador de textos, en concreto o OpenOffice Writer.

A continuación, entre os días 17 e 21 de novembro organizará outro curso de ofimática básica, no que ofrece 10 prazas. Estas actividades están dirixidas a persoas que queiran iniciarse na informática; os asistentes parten de cero e comezan coñecendo o entorno Windows, as funcións básicas como a creación de carpetas e o uso do rato e os menús, ou a utilización dos programas de escritura, que destacan entre os máis utilizados.

O vindeiro venres, día 7, o centro celebra a semana da tradición oral cunha actividade para todos os públicos, As voltas dos contos, con María da Pontragha, que narrará historias da tradición oral.

Tamén para todos os públicos é o espectáculo programado para o día 14, O que a maxia esconde, que invita a encontrar a ciencia detrás da maxia. Así, á vista de todos, a auga desaparece, os líquidos cambian de cor, e a auga convértese en neve en segundos ou en xeo en milisegundos, na maioría dos casos utilizando materiais de uso cotidiano nos fogares. Ambas citas terán lugar no salón de actos a partir das 18.00 horas.

Polo que respecta á programación infantil, o venres 21 é o día dos máis cativos, de entre 0 e 3 anos, para escoitar a historia ‘Soñei que era unha árbore’, mentres que o día 28 haberá un obradoiro de ciencia na cociña para nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Todo elo a partir das seis da tarde.

O café filosófico celebrarase o martes, día 25, e o tema a debater será O poder. Pola súa banda, continúan os clubs de lectura -infantil e xuvenil, de adultos, en inglés e galego- así como as mesas de conversa en inglés, portugués e en español para estranxeiros.

A Biblioteca Nodal presenta este mes tres mostras bibliográficas. A primeira no vestíbulo, sobre Ciencias forenses e criminoloxía; na primeira planta unha sobre ‘O duelo’, e a última mostra céntrase na Cociña de outono. Ademais, permanece aberta a exposición de recreación histórica, cultural e científica da vida dos romanos e castrexos.

3 de novembro de 2014 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.