A Biblioteca Municipal de Mos contabiliza un total de sete premios María Moliner
A Biblioteca Municipal de Mos recibiu, xa por sétima vez, o Premio María Moliner de Animación á Lectura que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a FEMP (Federación Epañola de Municipios e Provincias) e a Fundación Coca-Cola. A Biblioteca mosense foi premiada nesta ocasión polo proxecto ‘Os libros fante viaxar… Ven á Biblioteca!!!’ e recibirá por elo un lote de libros que lle permitirán ampliar notablemente o seu repertorio de exemplares, concretamente en 180 volumes máis. Este lote inclúe títulos de todo tipo, tanto orientados ó público infantil coma ó xuvenil.
Gracias a este recoñecemento, a Biblioteca Municipal de Mos atópase incluída unha vez máis no grupo de 300 bibliotecas españolas premiadas co María Moliner, que nesta ocasión celebrou a súa décimo sexta edición.
O concurso de proxectos da campaña María Moliner de animación á lectura vai dirixido a Bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes, coma é o caso do Concello de Mos, e ten por obxecto incentivar as accións de animación e fomento da lectura de nenos e mozos, de eficiencia e labor bibliotecaria, así como a integración social nas Bibliotecas públicas.
A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, anunciou hoxe a boa nova de que a Biblioteca Municipal de Mos sexa novamente receptora deste premio “que valora especialmente o esforzo, traballo e imaxinación aportados ós proxectos e programas anuais de fomento da lectura entre os veciños e veciñas, desenvolvidos polas bibliotecas públicas”, explicou a edil.
No caso concreto de Mos o proxecto anual de fomento da lectura titulado ‘Os libros fante viaxar… Ven á Biblioteca!!!’ incluiu diversas actividades celebradas en diferentes épocas tales coma visitas dos nenos e nenas da Escola Infantil da Porteliña ó longo de todo o ano, un concurso infantil de postais de Nadal, un curso de informática para adultos, a celebración en abril do Día Internacional do Libro, en maio do Día das Letras Galegas, en xuño a celebración local da Festa da Rosa, en xullo un encontro cos nenos e nenas saharauis beneficiarios do programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, charlas informativas nos centros educativos do municipio e a celebración, o pasado mes de outubro, do Día da Biblioteca.
A concellería de Cultura á que pertence a Biblioteca Municipal de Mos impulsa unha serie de actividades que complementan os recursos escolares e académicos ademais da mellora da convivencia escolar, familiar e cidadá con proxectos atractivos e pedagóxicos que dinamizan e favorezan a incorporación social sen esquecer o fundamental: o fomento da lectura e a educación en valores.
A proposta mosense que gañou o Premio María Moliner constitúe unha oferta de calidade que optimiza os recursos conseguindo así unha evidente redución do custo sen que iso repercuta na calidade das actividades. Proba diso é o considerable incremento de socios e socias así como o aumento de número de libros en préstamo.
Neste sentido Sara Cebreiro argumenta que “a Biblioteca debe ser o ente aglutinador e promotor de todas as propostas relacionadas coa lectura. A realización destas tarefas supón a existencia duns requisitos básicos: fondos bibliográficos, recursos tecnolóxicos, relación con outras bibliotecas (no noso caso con bibliotecas escolares), contacto co departamento de Benestar Social e nalgunhas actividades implicación das familias”. Precisamente a habilidade á hora de conxugar todas estas tarefas foi a que facilitou a nova obtención do Premio María Moliner para Mos este ano.
Por último Cebreiro informou de cales son os obxectivos concretos que se perseguiron co proxecto do presente ano 2014, ‘Os libros fante viaxar… Ven á Biblioteca!!!’, e que son fomentar a lectura entre a poboación do municipio, promover o coñecemento musical, promover valores de tolerancia, respecto, comprensión, etc., a integración social dos distintos colectivos con dificultades da poboación mosense tales coma inmigrantes, discapacitados, familias sen recursos, etc., a introducción e uso das novas tecnoloxías, ofrecer alternativas de ocio saudable para tódolos públicos e promocionar a interacción e o contacto entre as diferentes familias do Concello.











