publicidade hoxe

A biblioteca de Soutomaior presenta talleres de manualidades relacionados coa literatura para novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

A Biblioteca Municipal de Soutomaior acaba de presentar os talleres de manualidades relacionadas coa literatura que levarán a cabo durante este mes de novembro. Trátase dunha actividade que pretende fomentar o gusto pola lectura a través de temas prácticos relacionados con elementos literarios. Os talleres son totalmente gratuítos e realízanse en xornadas diferentes segundo os participantes, os pais asistirán os martes ás 17:45 mentres, os máis pequenos farano os mércores ás 16:15, ambos os grupos baixo a dirección da artesá ElisabetHillerud.

Cada sesión dura aproximadamente unha hora e terá lugar na segunda planta da biblioteca. A actividade está aberta a toda a poboación e conta con 10 prazas por grupo, aínda que terán preferencia os solicitantes empadroados no Concello de Soutomaior. O primeiro grupo, o dos adultos, comeza hoxe cun taller no que se realizarán uns pequenos cadernos encadernados que servirán como prácticas axendas ou libros de notas, entre outras posibilidades. O martes que vén, día 11 de novembro, comezará a serie destinada á técnica inglesa do Patchwork, unha modalidade de artesanía téxtil consistente en unir pequenos fragmentos doutras teas ata confeccionar pezas de todo tipo como mantas, manteis e panos de diferentes tamaños e usos. Ao ser unha técnica de certa dificultade este seminario terá a súa continuación a semana seguinte. Por último, o martes 25, celebrarase un taller destinado a fomentar a concienciación sobre a reciclaxe. Unha actividade na que os participantes realizarán uns pequenos botes decorados que poderán ser utilizados como lapiceros.

O grupo dos nenos arrincará este mércores, ás 16:15 horas, con este último taller destinado á concienciación sobre a reciclaxe. A semana seguinte, día 12 de novembro, os pequenos gozarán dunha sesión de manualidades na que confeccionarán uns pequenos cadernos con orixinais peches que poderán utilizar para tomar notas de todo o que aprenden durante estas sesións. As dúas últimas actividades do mes centraranse no que máis lle gusta aos nenos, manualidades que serven como obxectos decorativos e xoguetes. O mércores 19 confeccionasen unhas pequenas arañas sobre unha rede de fío coas que decorar as súas habitacións mentres que o último mércores do mes, o día 26, aprenderán a deseñar e construír uns simpáticos paxaros de papel cos que xogarán durante horas.

5 de novembro de 2014 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.