A Axencia de Colocación de Mos promove dúas novas accións formativas adaptadas aos seus usuarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A Axencia de Colocación de Mos ten como finalidade principal a intermediación laboral entre persoas desempregadas e as empresas que necesitan un determinado perfil profesional. Para acadar que o obxectivo principal, -que é a inserción das persoas en busca activa de emprego-, se faga realidade, a Axencia de Colocación complementa os seus servizos con formación específica adaptada as necesidades que se detectan nos perfís profesionais das persoas dadas de alta na Axencia, e nas necesidades ocupacionais que comunican as empresas.

Neste sentido, o concelleiro de Formación e Emprego, tenente alcalde e responsable da Axencia Local de Colocación mosense, Óscar Soto; anunciou hoxe a vindeira celebración de dúas novas accións formativas consistentes nun foro e unha charla baixo os títulos Foto EmpregaT-e e Charla ‘Como elixir a cor do teu futuro’, respectivamente. Os interesados en inscribirse ou solicitar máis información sobre as mesmas poden facelo xa a través do enderezo de correo electrónico info@axenciadecolocacionmos.es

O Foro EmpregaT-e está orientado á mellora das competencias dixitais para a busca de emprego e da empregabilidade das persoas que se atopan en paro. O formato do foro consiste en varios obradoiros que se desenvolverán dende o día 2 ó 9 de decembro en horario de mañá de 09:00 horas a 14:00 horas, nas instalacións da propia Axencia de Colocación (Avenida de Peinador, 39). Estes talleres serán impartidos por voluntarios dixitais e estarán complementados por unha charla informativa dun experto en intermediación laboral e utilización dos medios tecnolóxicos para a busca de emprego.

A charla ‘Como elixir a cor do teu futuro’ celebrarase o luns 15 de decembro a partir das 16:30 horas no Multiusos das Pozas. A Axencia de Colocación de Mos, dentro do marco das accións formativas iniciadas durante este ano 2014, organiza esta charla formativa dirixida a xoves e á poboación en xeral, impartida por Manuel Montes Pérez, quen compartirá co público 25 anos de experiencia convertindo os soños en ideas, e as ideas en negocios. Esta charla ten como finalidade que os asistentes poidan descubrir o alto potencial que todas as persoas gardan no seu interior, e que poidan aprender técnicas que as axuden a acadar o éxito profesional.

18 de novembro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.