A Axencia Búlgara de Discapacidade interésase polo modelo de negocio da galega Callcenter
Unha delegación de representantes da Axencia Búlgara de Discapacidade visitará mañá, ás 09:00 h., e no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole- as instalacións da empresa galega de telemarketing, atención telefónica e consultoría estratéxica Callcenter para analizar a súa estrutura e funcionamento como Centro Especial de Emprego (CEE), ao considerala un exemplo de inclusión baseado na rendibilidade, e con vistas a exportar o seu modelo de negocio ao país.
A visita enmárcase dentro dunha rolda de contactos que a Axencia está a desenvolver nos últimos días en Galicia, considerada na Unión Europea como un referente en canto á xestión de centros especiais de emprego, con representantes da Administración galega e diversos organismos e institucións do territorio co obxectivo de coñecer de preto como se materializou a integración laboral das persoas con discapacidade, tanto desde o punto de vista da iniciativa privada como pública ou desde as entidades sen ánimo de lucro.
A experiencia de Callcenter, onde máis do 88 % do seu persoal está formada por persoas con discapacidade, servirá de base para trasladar o seu modelo ás empresas privadas do país.











