A avaría na rede localizada na Rolda de Outeiro quedará definitivamente emendada á primeira hora da madrugada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Ao longo da tarde de onte iniciouse o proceso de reparación da tubaxe danada por unha avaría onte domingo na Rolda de Outeiro. Unha vez localizada a fuga, na medianoite do propio domingo, procedeuse á limpeza do perímetro da tubaxe afectada e á consolidación dos noiros para que os operarios puidesen traballar con total seguridade.

A previsión apunta a que a reparación quede finalizada ao longo desta madrugada. Os traballos consistiron na substitución por soldadura dun tramo duns cincuenta centímetros de conduto metálico, que posteriormente foron reforzados cun recubrimento de formigón de fraguado rápido. Dado o diámetro da tubaxe foron necesarios máis de cinco metros de cordón de soldadura. Cabe destacar que a reparación foi posible grazas ao esforzo dos empregados, que traballaron sen interrupción desde o mesmo momento en que se produciu a avaría cun dispositivo permanente de 32 persoas.

Para a reparación foi necesario escavar a sete metros de profundidade, mover un volume de 1.400 metros cúbicos de terra, o equivalente a 50 camións.

Unha vez finalizada a reparación procederase ao enchido e posta en presión da tubaxe afectada, o que permitirá aliviar o resto da rede da descompensación que produce o peche dunha tubaxe troncal como a afectada.

Este desaxuste no balance de presións, habitual ante unha circunstancia como a xurdida onte, provocou pequenas incidencias en puntos illados da rede. A máis importante foi a rotura dunha condución de 150 mm na rúa José Luís Bugallal Marchesi, rexistrada sobre as 19.00 horas e que afectou ao servizo duns cen clientes da zona. Brigadas de EMALCSA desprazáronse tamén á rúa Gambrinus, ao polígono da Grela, e a Pocomaco para realizar intervencións de mantemento.

Estas incidencias son habituais nestas situacións e quedaron emendadas nun prazo máximo de tres horas. Como referencia, na última gran avaría, rexistrada fai cinco anos en Alfonso Molina, chegáronse a producir ata oito avisos destas características nun curto intervalo de tempo.

A consecuencia da reparación e posta en servizo dos condutos pódense producir algúns episodios de auga turbia que irán desaparecendo co paso das horas. Os clientes teñen á súa disposición o teléfono permanente de atención ao cliente 981 24 23 22.

17 de novembro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.