A aula Cemit de Poio programa diversos cursos de alfabetización dixital para o mes de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Poio celebrará os seguintes cursos o próximo mes de decembro:

Do luns 1 ao venres 5 de decembro realizarase o curso “Iniciación á Informática”. Con este curso preténdese que o usuario obteña os coñecementos básicos para manexar un ordenador.

O usuario ao finalizar o curso poderá acender e apagar correctamente o computador, manexar o rato con soltura, familiarizarse co escritorio e as ventás e aprender a xestionar arquivos e carpetas (creación, eliminación, copia, …).

O horario será de 17:00 a 18:30 horas. Non se requiren coñecementos previos. Do luns 1 ao xoves 4 de decembro realizarase o curso “Iniciación ao procesador de texto LibreOffice Writer”.

O uso do procesador de texto faise imprescindible no día a día, xa que en calquera momento podemos necesitar redactar un documento ou escribir un texto.

O usuario ao finalizar este curso será capaz de crear e modificar un documento de texto empregando o LibreOffice Writer, de darlle un formato básico, gardar un documento e imprimilo. O horario será de 19:00 a 20:30. Requírese coñecementos básicos de ordenador.

Do martes 9 ao venres 12 de decembro impartirase o curso de “Iniciación á Internet”. Actualmente o uso de Internet e un dos medios de comunicación máis importantes, estando presente en case todos os ámbitos da nosa vida diaria.

Dado o seu alcance mundial, rapidez e dispoñibilidade faise necesario ter alomenos unhas nocións básicas da procura de información na rede.

Neste curso empregaranse os navegadores de software libre Mozilla Firefox e Google Chrome para que os usuarios poidan comprender o mundo do hipertexto das páxinas web. O usuario ao finalizar o curso poderá utilizar aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet.

Coñecerá alomenos un navegador de Internet, saberá como introducir enderezos na barra de enderezos do navegador e como realizar procuras sinxelas nun buscador, aprenderá a seguir os enlaces e a navegar polas páxinas web.

Requírese coñecementos básicos de ordenador. O horario será de 17:00 a 18:30 horas. Do martes 9 ao venres 12 de decembro impartirase o curso “procesador de texto LibreOffice Writer (Nivel Medio)”.

Neste curso afondarase no uso do procesador de textos de software libre LibreOffice Writer. O usuario ao finalizar o curso será capaz de aplicar formatos máis avanzados, modificar as propiedades do documento e traballar con táboas e elementos gráficos e coñecer máis en profundidade as ferramentas que máis se utilizan no día a día.

Requírese coñecementos básicos de ordenador. O horario será de 19:00 a 20:30 horas. Do luns 15 ao venres 19 de decembro celebrarase o curso “Posicionamento Web (SEO)”. Neste curso farase un achegamento os conceptos e ferramentas que permiten mellorar a posición nos resultados dos buscadores e ter así máis oportunidades de que visiten a nosa páxina.

Verase como funcionan os principais buscadores da Internet e as técnicas para mellorar a posición ou a valoración da nosa páxina web.

Os requisitos para este curso son ter coñecementos básicos no manexo dun ordenador e dun navegador de páxinas web. O horario será de 17:00 a 18:30 Do luns 15 ao xoves 18 de decembro impartirase o curso “ Iniciación as follas de cálculo con LibreOffice Calc”.

As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que permiten crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, polo que é preciso coñecer como funciona .

O usuario o finalizar este curso coñecerá o funcionamento e os conceptos básicos dunha folla de cálculo, poderá aplicar sinxelas fórmulas de cálculo, modificar unha folla de cálculo e crear documentos con varias follas, así como gardar e imprimir os resultados. Requírese ter coñecementos básicos de ordenador. O horario será de 19:00 a 20:30 horas. Do venres 19 ao mércores 24 de decembro impartirase o curso “Follas de cálculo con LibreOffice Calc (Nivel Medio)”.

Mediante este curso o usuario poderá facer uso das funcións de cálculo de LibreOffice Calc, aplicar formatos condicionados, inserir gráficas ademais doutras posibilidades que ofrece esta aplicación de software libre.

Requírese coñecementos básicos de ordenador e do uso dalgunha folla de cálculo. O horario será de 19:00 a 20:30

Os sábados 13 e 20 a Aula Cemit de Poio funcionará en Aula Aberta, polo que calquer usuario que o desexe pode facer uso dos equipos e da conexión á Internet da aula. O horario será de 10:00 a 12:30 horas.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse ao Aula CeMIT de Poio sita en Carreiro do Campo, 17. Combarro. 36993 – Poio, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, chamar ao teléfono 986770001 (Ext. 321) ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit. poio @xunta.es

28 de novembro de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.