A Asociación de Empresarios de Mos apoia a construción de porto Cabral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O presidente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), José Mañas, e o seu xerente, Francisco Domínguez, mantiveron unha reunión na sede de AEMOS con Salvador Arenere, o conselleiro de Eurofund Investments, a compañía interesada en desenvolver o centro de lecer e comercio de Porto Cabral. Arenere explicou os pormenores deste proxecto, que se situará en terreos limítrofes con Mos, na parroquia viguesa de Cabral.

Durante o encontro, os responsables de Eurofund non só explicaron como será Porto Cabral, senón que deron a coñecer outros proxectos similares postos en marcha polo grupo en España como Porto Venecia, en Zaragoza.

Neste sentido, José Mañas mostrou todo o apoio dos empresarios de Mos a este novo proxecto, convencido de que “será o polo de desenvolvemento que toda a área de Vigo necesita e da que Mos sairá moi beneficiado debido á proximidade co enclave desta nova cidade que combina industrialización, comercio e lecer”. Ademais, AEMOS e Eurofund estudan a posibilidade de formalizar un acordo de colaboración en materia de emprego para axudar no desenvolvemento deste espazo en Liñeiriños.

A superficie que ocupará Porto Cabral é de, aproximadamente, 500.000 metros cadrados, dos que 130.000 será unha zona de lecer, 60.000 a área comercial e máis de 100.000 de zona verde integrada na contorna con 9.000 prazas de parking e novos viarios. Ademais, as infraestruturas de comunicación e servizos que o complexo estará obrigado a executar beneficiarán a todo a área de Vigo.

Segundo o responsable de Eurofund, a súa cobertura abarca un radio duns 300 quilómetros e considérase que será un atractivo máis para que moitos veciños do Porto e do noroeste de España acudan a Vigo buscando unha oferta turística, de lecer e comercio. Prevense 10 millóns de visitantes ao ano. O grupo investirá máis de 500 millóns de euros no proxecto e xerará máis de 3.000 postos de traballo directos.

12 de novembro de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.