A área de Igualdade de Ferrol impulsa diferentes actos conmemorativos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
A Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, impulsa un programa de actos conmemorativos do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebrarán entre os meses de novembro e xaneiro. O acto principal que terá lugar mañá martes baixo o lema “Contra a Violencia de Xénero Tolerancia 0: súmate, actúa e denuncia” se centrará en contos teatralizados pola Igualdade nas rúas do centro da cidade así como nos Ensanches, entre as 10:30 e 12:30 horas. Posteriormente, ás 12:30 horas a Praza de Armas acollerá a lectura de Declaración Institucional e a solta de globos en homenaxe ás mulleres asasinadas pola violencia machista. Este programa pretende a erradicación da violencia a través da coeducación en e para a igualdade.
No eido educativo, a edil de Igualdade explicou que continuará o programa de teatro “Os=As” que está dirixido ao alumnado de Infantil así como “Cambiando de conto” para os estudantes de Primaria. Estas propostas se prolongarán ata o vindeiro mes de decembro en dez centros de ensino da cidade. Así mesmo, os días 3 e 10 de decembro e o 14 de xaneiro se desenvolverá a proposta “Co=Edu=Ca” que consiste en obradoiros para familias de Educación Infantil e que terán lugar en horario de 18:00 a 19:30 horas na Casa da Muller. A actividade de clausura dos programas de coeducación en igualdade nos centros educativos se celebrará os días 19, 20 e 21 de xaneiro no Teatro Jofre e incluirá unha proposta teatral co alumnados dos diferentes centros de ensino.
Graffiti, contacontos e roteiros urbanos pola igualdade
Outra das propostas será “Aquí pintamos o mesmo”, que terá lugar os días 29 de novembro e 13 de decembro en horario de mañá e tarde, e que se centrará no deseño e elaboración dun ou varios grafittis a partires da perspectiva de xénero. O programa de actos conmemorativos do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero tamén inclúe a xornada de sensibilización dirixida á poboación xeral adulta “Tempos con-postos” que se celebrará o 17 de decembro no Carvalho Calero. Así mesmo, a iniciativa “Pasiño a pasiño cara a Igualdade” incluirá roteiros urbanos dinámicos abertos á cidadanía e se desenvolverá os días 30 de novembro e 14 de decembro. A edil Verónica Casal explicou que o programa “Contamos X =” se realizará nos meses de novembro, decembro e marzo e que consistirá en contacontos sobre igualdade en asociacións de veciños e de mulleres da cidade. Tamén sinalou que os obradoiros de intercambio de roles para parellas “2×1” rematarán o vindeiro 13 de decembro no Antigo Hospicio.











