A AMS apoia ás traballadoras sociais de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

A asemblea de movementos sociais,(AMS), plataforma integrada por movementos sociais e veciñais como a FAVEC, a Rede de Solidariedade Popular de Vigo, Plataforma de Abusos Bancarios, Plataforma Xuntos e apoiada por organizacións políticas e sindicais como a CXT, CIG, SF Intersindical,  CUT, EQUO, BNG, Alternativa Socialista de Vigo, EU, e Anova, que ante a situación de extrema emerxencia social de Vigo coordináronse para dar resposta cidadá ás políticas de Benestar do concello, quere mostrar todo o seu apoio e respaldo ás manifestacións recentes das traballadoras sociais que conforman o persoal deste departamento, que remitiron un escrito ao Valedor do Pobo para solicitar que impulse unha investigación sobre o mesmo a fin de que se promovan as medidas adecuadas para terminar coas problemáticas en canto ás axudas sociais.

A AMS leva meses sinalando esta situación, denunciando o colapso destas axudas que provocan unha dramática situación de emerxencia social a cidadáns en risco de exclusión, confirmando que os seus integrantes sufriron prazos de espera de máis de dez meses para recibir unha axuda básica, cando a legalidade marca dúas como máximo.

Así mesmo a Asemblea incide igualmente en que é pertinente a ampliación do persoal de benestar social para que se deixe de presionar e abusar da capacidade de traballo de 17 persoas, que dan cobertura a toda unha cidade. A petición desta medida reflíctese no manifesto desta organización, que solicitou unha reunión presencial co Valedor do Pobo para que recolla a súa perspectiva sobre esta problemática, para entregarlle un informe complementario que poida nutrirlle de máis datos: os dos propios afectados, para que poida resultarlle máis sinxela a investigación que aceptou impulsar por iniciativa do persoal, coa que a AMS coincide na visión do caos interno do departamento.

A asemblea denuncia as políticas municipais dirixidas a embelecer a cidade por fóra con fastuosas obras millonarias cando a realidade de Vigo é que os seus cidadáns con necesidades básicas están a pasar precariedade e situacións de emerxencia que necesita dunha atención urxente e prioritaria.

 

20 de novembro de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.