20 mulleres de San Sadurniño participaron no III Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello iniciou na fin de semana as actividades programadas co gallo do 25 de novembro, día internacional da non violencia contra as mulleres. E fíxoo coa terceira edición do encontro de autoprotección ante a violencia de xénero no que participaron unha vintena de mulleres de distintas idades e procedentes tanto de San Sadurniño coma do resto da provincia.

O encontro desenvolveuse desde as dez da mañá ata pasadas as cinco da tarde do sábado. Había dúas partes: unha para aprender técnicas de autodefensa e outra para falar e compartir experiencias. As participantes aprenderon a detectar os sinais indicadores dunha situación potencialmente violenta para poder adiantarse a ela. 

Pero tamén aprenderon técnicas físicas para defenderse no caso de que esa situación se produza. Un trance no que é importante manter o control en todo momento, con autoconfianza e deixando o medo a un lado. Porén, tanto ou máis importante que defenderse é denunciar calquera vexación ou ataque que se sufra no fogar acudindo á Policía, á Garda Civil ou chamando ao 016, un teléfono gratuíto que non deixa rastro na factura.

Programación do 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero

O III Encontro de autoprotección ante a Violencia de xénero encádrase na programación dos actos co gallo do 25 de novembro, data que en San Sadurniño se celebra con máis actividades. 

Ese mesmo día pola mañá, os nenos e nenas de 1º e 2º ciclos do CPI participarán nunha plantación simbólica de flores en lembranza das vítimas da violencia de xénero. Unha iniciativa que terá lugar nos parterres da Casa do Concello e na que colaboran Viveiros Horjales – A Casa da planta e Viveiros Florgalicia.

Por outra banda, o departamento de Educación e Igualdade e mailo Equipo de Dinamización da Lingua do CPI volven organizar entre a comunidade escolar o III Concurso de relatos 25 de novembro, co que se busca que o alumnado de 3º e 4º da ESO reflexione sobre o problema e lance unha mensaxe clara sobre como previla ou sobre como sensibilizar a sociedade. Os premios entregaranse o propio 25 de novembro ás 15 horas na Casa da Cultura.

Trala entrega de premios, o alumnado do CPI asistirá á representación Verbas contra a violencia feminina a cargo de Lisístrata. Poesía, teatro e prosa danse cita para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social.

17 de novembro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.