publicidade hoxe

Xuventude avoga por que os xóvenes enriquezan o seu currículo con programas de educación non formal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaXuventude
A-
A+

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou a importancia que ten para os universitarios complementar o seu currículo académico con experiencias e competencias adquiridas mediante a participación en programas de educación non formal como Iniciativa Xove.

Rodeiro inaugurou hoxe na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago o ‘I Foro de empregabilidade no eido xurídico’, unha iniciativa financiada polo programa de participación xuvenil Iniciativa Xove a través do grupo informal ‘Xuristas en Acción’, composto por estudantes e titulados recentes da rama do dereito.

O director xeral tamén adiantou que a Consellería de Traballo e Benestar traballa na redacción dunha orde pioneira en toda España para o recoñecemento e homologación das competencias adquiridas polos mozos e mozas a través de programas de educación non formal.

Esta orde permitirá a expedición por parte da administración de certificados oficiais aos participantes nestes programas, onde se validen as competencias asumidas e así mellorar as posibilidades de emprego mediante a achega ao currículo das competencias adquiridas.

O director xeral de Xuventude indicou que “Iniciativa Xove é o programa de educación non formal que permite aos mozos e mozas demostrar a capacidade de organizar os seus propios proxectos, ao tempo que estimula o protagonismo, a creatividade e o liderado xuvenil”.

Na cidade de Santiago, un total de 22 asociacións xuvenís ou grupos informais de mozos e mozas executan proxectos financiados no marco do programa de participación xuvenil Iniciativa Xove.

Ademais, outras 10 asociacións da comarca compostelá de Brión, Dodro, Padrón, O Pino, Vedra, Boqueixón e Santa Comba tamén executan proxectos vinculados a este programa da consellería de Traballo e Benestar, o que suma un investimento conxunto de preto de 125.000 euros.

No total de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar financia este ano con máis de 500.000 euros, a través do programa Iniciativa Xove, un total de 140 proxectos de educación non formal que desenvolven preto de 700 mozos e mozas pertencentes a grupos informais, así como asociacións e entidades xuvenís.

1 de outubro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.