Xa se inscribiron máis dun milleiro de corredores ao Medio Maratón de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Co cambio de mes finalizou a primeira fase de inscrición ao Medio Maratón de Pontevedra do 19 de outubro, que organiza o Instituto Municipal de Deportes e a Sociedade Ximnástica de Pontevedra e que se pode seguir realizando a través da páxina web www.championchipnorte.com, finalizando o prazo o 14 de outubro.

A resposta foi máis que satisfactoria cun incremento dun 9% con respecto ao mesmo período da anterior edición da carreira, chegándose agora aos 1.033 inscritos.

Aínda queda para alcanzar os preto de 1.400 que correron o ano pasado, pero as perspectivas son optimistas.

Con esta carreira finalizará o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra e que na súa segunda edición congregou a 269 atletas.

Tras dezaoito edicións do Medio Maratón, ano tras ano e aos poucos, o número de participantes increméntase, polo visto a dezanove edición vai polo mesmo camiño, o que é un recoñecemento ao labor que realiza cada edición a organización para que os atletas saian satisfeitos da súa carreira por Pontevedra.

O Instituto Municipal de Deportes, principal patrocinador do evento, coa axuda da Ximnástica, do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e os voluntarios da Oficina do Voluntariado de Pontevedra pon a disposición dos atletas, a recollida do dorsal desde dous días antes da carreira, dorsal personalizado, servizo de gardarroupa, percorrido sinalizado cada km., avituallamento (líquido e sólido), autobús para os que veñen de Coruña ou Santiago, gardaría, clasificación automática e cronometraxe grazas ao sistema de chip, asistencia médica, masaxe (Escola de Fisioterapia de Pontevedra), bolsa do corredor, vestiarios, duchas, hoteis adaptados ás súas necesidades, feira do corredor e o luns previo “quedada” para recoñecer o circuíto.

Boas actuacións de Rafa Fontes e Iván Docampo en Vigo e O Grove

Nos últimos días o calendario de carreiras populares sufriu dunha alta densidade de carreiras e os atletas da Sociedade Ximnástica estiveron á altura cultivando moi bos resultados. Como o ocorrido en Vigo e entre O Grove e Cambados.

Entre as localidades do Grove e Cambados, naceu unha nova carreira “a Maralba Runing – Medio Maratón do Salnés” que congregou a preto de 600 participantes e que discorreu por paraxes tan bonitas como o istmo da Lanzada.

Os corredores non sufriron o azoute do vento que adoita haber pola costa, cando chega o outono, polo que os primeiros clasificados, cultivaron grandes rexistros, baixando da hora e dez minutos, nun circuíto propicio para iso. O mellor atleta da Ximnástica foi Robertas Geralavicius, que fixo marca persoal da tempada con 1 hora, 8 minutos e 51 segundos; quedando Iván Docampo en quinta posición e na categoría feminina, Eva Igrexas tamén foi quinta.

Na praia de Samil de Vigo, celebrouse a terceira edición da súa carreira de 10 km. e que xuntou a máis de mil corredores. O atleta da Sociedade Ximnástica, Rafael Fontes realizou unha gran actuación, subindo ao podio a recoller o seu trofeo de terceiro clasificado da carreira.

1 de outubro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.