Vilagarcía busca propostas para Crtegada a través da AMUPARNA
Coñecer novas experiencias que se poidan importar a Vilagarcía, así como demandar un tratamento especial para as Illas Atlánticas e, especialmente para Cortegada, é o obxectivo co que o alcalde, Tomás Fole, participará nas XVIII Xornadas sobre Municipios e Parques Nacionais que organiza anualmente a Asociación de Municipios con Territorio en Parques Nacional (AMUPARNA).
O rexedor partiu hoxe cara o municipio de Espot, en Lleida, onde se desenvolverán as xornadas no marco do Parque Nacional de Aigüestortes i Estany de sant Maurici. Amuparna organiza estas xornadas nun parque nacional español diferente, precisamente por iso, unha das propostas que o rexedor vilagarciá elevará a asemblea anual que a asociación celebra no marco das xornadas é que Vilagarcía acolla un destes encontros para amosar Cortegada e o resto dos arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, unha das declaracións máis recentes e a única composta integramente por espazos insulares.
Fole xa participara o pasado ano nun encontro do secretario xeral do Ministerio de Medio Ambiente cos socios de Amuparna, experiencia que considerou moi positiva a efectos de informarse sobre vías de financiamento para acometer diferentes proxectos tanto nos parques nacionais como nos municipios que os acolle, para coñecer experiencias turísticas que se desenvolven noutros parques e que poderían importarse ou servir de exemplo para proxectos a realizar na nosa localidade. O alcalde considera que o enorme potencial que posúe Cortegada no marco do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas aínda está sen explotar e facelo de xeito adecuado e de forma sostible é imprescindible como motor do sector turístico ligado á natureza.
Fole tamén viaxa coa intención de promocionar Cortegada e Vilagarcía, xa que o ano pasado constatou que no resto dos parques nacionais de España só se relacionan as Illas Atlánticas coas Cíes e sorprende cando se lles comentan as características de Cortegada, tanto naturais como produtivas relacionadas co cultivo da ameixa e, aínda máis cando se lles explica que a Cortegada pódese ir camiñando cando a marea está baixa, igual que ao famoso monasterio do Esteiro de Saint Michelle, na bretaña francesa.
Nas xornadas que se desenvolverán ata o domingo, abordaranse, entre outros temas a nova lei de Parques Nacionais e exporanse diversas experiencias locais sostibles postas en marcha por municipios integrantes.











