Verín abre o prazo de inscrición para o Obradoiro do Cigarrón
O Concello de Verín organiza un obradoiro para aprender a facer o traxe de cigarrón, ben sexa completo ou partes desta máscara. Os/as interesados/as poden inscribirse até o día 05 de novembro na Casa do Concello, na oficina de información (planta baixa), onde se lles facilitará unha relación dos materiais que precisan para desenvolver con normalidade as actividades e un formulario de tramitación bancaria.
As actividades formativas, que rematarán antes do Xoves de Compadres, desenvolveranse na Casa da Xuventude e comezarán a partir do día 5 de decembro en grupos de 10 persoas.De non haber demanda mínima para un grupo en cada actividade, o Obradoiro aprazarase para os meses de outono e inverso 2015-2016. As persoas que queren facer o disfrace completo deberán ter libres os martes e os mércores entre as 15.30 e as 19.30 horas. No caso de facer só o traxe, os martes das 15.30 ás 19.30 horas; e para facer só a careta, os mércores das 16 ás 19 horas.
O cigarrón é unha das mostras máis importantes de cultura material, no relativo á vestimenta das efemérides, tanto do patrimonio local como do de Galicia. Por este motivo desde o ano 1997, o Concello de Verín organiza anualmente este obradoiro. A finalidade é dobre: divulgar patróns para a confección dos diversos elementos que compoñen esa peculiar máscara, e ofrecerlle a posibilidade de facer os compoñentes deste complexo traxe a calquera persoa sen coñecementos. No Obradoiro do Cigarrón ensínaselles aos inscritos a facer os elementos artesanais da máscara, salvo o pintado da careta e os compoñentes de produción industrial. Ofréceselle aos interesados a posibilidade de facer o traxe completo ou partes. No caso de que se queira facer o traxe, é indispensable ter coñecementos de confección con máquina e de calceta. A pretensión do Obradoiro é que o traxe máis antergo e significativo do Entroido verinense se manteña dentro duns canons de respecto polas súas formas tradicionais, evitando que se inclúan elementos aberrantes na confección e o uso. Para logralo, informarase aos participantes sobre o calzado que harmoniza co traxe, que chocallos e cantos se deben levar, ou como vestir a máscara e utilizala en público.
O prezo da inscrición para participar en todas as actividades é de 85 euros, mentres que para realizar só o traxe ou a careta é de 65 euros (o obxectivo é que se fagan traxes completos, polo que se acepta que dúas persoas que sexan da mesma familia -parentesco até o 3º grao-, pagando unha única matrícula, participen complementariamente en actividades distintas, unha facendo o traxe e outra a careta).











