Unha senda peonil conectará as parroquias de Priegue e Nigrán
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou o contrato para a execución dunha senda peonil ao longo da estrada autonómica Vigo-Tui (PO-552), en Priegue, no Concello de Nigrán. Con esta actuación, que se iniciará nas próximas semanas, os veciños da zona poderán camiñar entre as parroquias de Priegue e Nigrán utilizando un itinerario habilitado para tal efecto.
As obras foron adxudicadas a Construcións Obras e Viais, S.A. (COVSA) por algo máis de 140.000 euros. O proxecto ten por obxecto a creación dun itinerario peonil de 710 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 8+160, onde finalizan as beirarrúas existentes nas Rexas, e 8+870, onde comezan as beirarrúas de Nigrán.
Este proxecto dá resposta a unha demanda histórica dos veciños de Priegue e Nigrán, ao conectar as dúas parroquias a través dunha senda peonil, á vez que dá novo cumprimento a un compromiso electoral adquirido cos veciños en maio de 2011. “A actuación mellorará a seguridade viaria dos viandantes, que na actualidade deben circular por unha estreita beiravía, nunha estrada que rexistra intensidades de tráfico elevadas, ao redor de 15.000 vehículos diarios”, explica o alcalde, Alberto Valverde.
Esta actuación, súmase á anunciada semana atrás para recuperar e mellorar as beirarrúas da PO-552, a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 159.741,28 euros para a reparación e mellora das beirarrúas da Avda. Rosalía de Castro e Val Miñor, “que implementarán sensiblemente a seguridade viaria desta estrada, á vez que dará unha nova imaxe a unha das principais arterias de comunicación do concello”, apunta Valverde.
A senda peonil
A senda peonil construirase en paralelo á estrada, ao mesmo nivel da súa rasante para garantir unha drenaxe idónea, e cun ancho mínimo de 1,5 metros, e executarase en formigón colorado, co fin de que sexa facilmente perceptible e visible para os usuarios.
A obra complementarase coa execución dunha cuneta de seguridade para a recollida e evacuación das augas superficiais da plataforma até os puntos de desaugadoiro. Ademais, colocaranse os sistemas de contención precisos para separar o tráfico rodado do peonil, reducindo así a posibilidade de atropelo por saída de vía.
A actuación, financiada pola CMATI, beneficiará aos máis de 18.000 habitantes do concello, coa que verán unha sensible mellora da seguridade viaria neste punto do termo municipal. O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante este tipo de actuacións, pretende proporcionar aos cidadáns unha rede viaria máis segura e cómoda, que mellore a accesibilidade do conxunto de usuarios.











