Un total de 311 pacientes de Povisa realizaron o cambio da súa adscrición ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

Un total de 311 pacientes de Povisa cambiaron a súa adscrición ao Complexo Hospitalario Universitario da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo, ata o 30 de setembro, é dicir, no primeiro mes do prazo dado polo Sergas para este fin. O Servizo Galego de Saúde publicou a principios do mes pasado a instrución 7/2014 que regula o prazo e o procedemento mediante o que os cidadáns asignados á área de Povisa poden elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia. Esta instrución atópase dispoñible na web do Sergas (http://www.sergas.es) no apartado de Novidades.

Poden solicitar a adscrición no antedito centro hospitalario os pacientes dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e Vigo que actualmente estean asignados a Povisa. Os cidadáns que teñan a Povisa como centro de referencia e desexen continuar nel non teñen que realizar ningún trámite.

No que atinxe á documentación necesaria, debe achegarse o documento identificativo do solicitante –DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro ou pasaporte- e o formulario incluído na instrución publicada polo Sergas, tamén dispoñible nos centros de saúde dos anteditos concellos.

Se a petición a presenta un titor legal ou outra persoa autorizada hai que levar tamén unha fotocopia do documento identificativo do solicitante e un documento que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica.

Presentación de solicitudes

A solicitude pode presentarse no centro de saúde que lle corresponda á persoa interesada ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios integrados na EOXI de Vigo. Se a documentación non está completa ou ten algún defecto, haberá un prazo de dez días para subsanalo.

O prazo inicial para elixir o centro hospitalario está vixente ata o 30 de novembro. Posteriormente abrirase un novo período para facelo entre o 1 e o 30 de novembro de cada ano de vixencia do concerto.

No que atinxe aos pacientes que -por cambio de domicilio ou calquera outra causa que leve aparellada o cambio automático de centro hospitalario de referencia- se incorporen aos centros de saúde que teñen a Povisa como poboación asignada, elixirán o seu centro hospitalario no momento de elección do seu médico de atención primaria.

O cambio de hospital é efectivo no momento en que o usuario presente a súa solicitude e sexa adscrito polo Sergas. A petición leva implícita a súa permanencia ata, como mínimo, a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.

1 de outubro de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.