un total de 15 persoas en situación de exclusión social comezarán un curso de alfabetización dixital
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, comeza o vindeiro día 5 de novembro un curso de Alfabetización dixital enmarcado dentro do programa “Camiño ao emprego” para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. Un total de 15 persoas perceptoras de Risga participan nesta acción formativa que terá unha duración de 40 horas e se prolongará ata o 20 de novembro.
O curso de Alfabetización dixital ten como obxectivo a aprendizaxe dos conceptos básicos de informática, aprendizaxe necesaria na sociedade actual como ferramenta útil para o manexo da información, a busca activa de emprego e como medio de comunicación. Os contidos desta acción formativa versarán en torno a coñecementos de sistema operativo Windows 8, Microsoft Word 2013 e a busca de emprego por internet. A edil Rosa Martínez sinalou que o obxectivo “é a mellora da inclusión social dos colectivos máis vulnerables, e concretamente no caso das persoas beneficiarias de Risga, cara a evitar que esta circunstancia desemboque nunha maior situación de exclusión social”.
O programa “Camiño ao emprego” traballa con itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral. O seu obxectivo xeral é favorecer a inserción sociolaboral das persoas participantes asegurando as oportunidades e recursos necesarios para gozar dunhas conducións de vida normalizadas e fomentando a súa participación en diferentes accións para reconducir a súa situación persoal e optimizar a súa empregabilidade.











