Un total de 108 postos participarán no Mercado local xusto de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Concellaría de Cultura, Participación veciñal e Turismo acaba de publicar o listado de postos admitidos para o primeiro Mercado local xusto deste outono, que se celebra este domingo 26 de outubro. En total inscribíronse 108 persoas para vender produtos da terra e transformados, planta, artesanía e artigos de segunda man. O mercado presenta como novidade o cambio de lugar, dado que este tipo de eventos pasarán a desenvolverse nos xardíns municipais.

O Concello aínda está dándolle os últimos retoques ao recinto despois de que nas últimas semanas se acometesen traballos de adaptación do parque para acoller tanto este como outro tipo de encontros. Fundíronse os sendeiros, recuperouse a antiga cancha de tenis e selouse un dos estanques para evitar que as filtracións lle afecten ao terreo. Todo para que os xardíns da Casa do Concello se convertan nun referente tanto para o lecer como para as actividades ao aire libre.

O recinto estrearase este domingo cunha nova edición do Mercado local xusto. O Concello recolleu 108 inscricións, 33 de artesanía, 32 de artigos de segunda man, 20 adicados á venda mixta de artesanía e segunda man, 4 viveiros de planta e flor e 19 postos de produción alimentaria da comarca, tanto en fresco como transformada.

O mercado comezará pouco despois das 9 da mañá e durará ata primeira hora da tarde. Tempo máis que suficiente para percorrelo e facerse a bo prezo con oportunidades ou con produtos de temporada, como poden ser o mel, as castañas ou os cogomelos. O obxectivo do evento é contribuír a dinamizar a economía da zona a través do comercio de proximidade no que se dean cita a produción e o consumo sen intermediacións.

22 de outubro de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.