Un grupo de 25 veciños de Nigrán comezan o curso de monitor de tempo libre
O curso de monitor de tempo libre comezou hoxe nas instalacións do Centro Antena coa participación de 25 veciños e veciñas de Nigrán, tras recibir un centenar de solicitudes. Cunha duración de 350 horas, o alumnado deste curso aprenderá a organizar, dinamizar e avaliar actividades de lecer educativo dirixidas á infancia e a mocidade, no marco da programación xeral dunha organización, aplicando as técnicas específicas de animación grupal, e incidindo especialmente na educación de valores.
O concello financia integramente este curso, homologado pola Xunta de Galicia, o que supón unha moi boa oportunidade para as persoas interesadas neste tipo de formación, non só pola calidade e carácter oficial desta acción formativa, senón tamén polo importante aforro económico que supón o financiamento total da mesma.
Na súa intervención, a concelleira de Turismo, Cultura e Deporte, Liliana Silva, destacou que as 150 horas de prácticas que completan o programa do curso, realizaranse no seu maior parte en servizos e instalacións municipais.











