Un grupo de 15 novos alumnos fórmanse para traballar na inserción laboral de persoas con discapacidade con aQuelando

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Centro Príncipe Felipe acolle un novo curso do proxecto aQuelando3, financiado nun 70% polo Fondo Social Europeo, co que se pretende mellorar o acceso ó mercado laboral dos desempregados de máis difícil inserción.

Os 15 mozos que inician agora a súa formación e que onte foron recibidos polo director do Centro Príncipe Felipe, José Manuel Fernández, fano, precisamente, nun curso no que obterán as claves necesarias para traballar en centros dedicados a promover a inserción laboral de persoas con discapacidade.

Durante 500 horas os alumnos aprenderán a intervir no ámbito persoal e sociolaboral das persoas con discapacidade, para facilitarlles o acceso e mantemento do posto de traballo.

Adquirirán competencias para adestrar as persoas con diversidade funcional nas habilidades sociolaborais necesarias para a inserción, así como na xestión de información sobre os recursos formativos e sociolaborais á súa disposición.

Este curso forma parte do programa aQuelando 3, que nesta edición formará un total de 360 persoas para que poidan mellorar as súas perspectivas de atopar traballo. As persoas que participan terán a oportunidade de obter o certificado de profesionalidade.

Con esta iniciativa a Deputación logrou xa a inserción laboral de medio centenar de persoas.

1 de outubro de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.