Turismo de Ferrol habilita un punto de información interactivo sobre o Camiño Inglés na praza da Constitución
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, segue avanzando na posta en valor do Camiño Inglés coa incorporación dun novo punto de información interactivo situado na praza da Constitución.
Esta anovadora proposta permite aos peregrinos e turistas obter todo tipo de información sobre a ruta xacobea a través dun código QR. Máis concretamente, este novo punto de información multimedia do Camiño Inglés está situado no coñecido como Palco da Música do Cantón de Molíns.











