Tenda pechou as súas portas en EXPOCoruña con ao redor de 15.000 visitantes
Case 15.000 persoas desprazáronse o pasado fin de semana até EXPOCoruña para visitar Tenda, a gran feira dedicada ao novo comercio urbano que durante dous días converteu A Coruña no epicentro do comercio do século XXI.
Segundo os datos facilitados por EXPOCoruña, a feira recibiu unha media diaria de máis de 7.000 persoas, o que a sitúa entre os eventos con maior número de asistentes dos celebrados no recinto feiral durante un fin de semana. O evento logrou, ademais, un elevadísimo nivel de satisfacción, xa que segundo os resultados dunha enquisa realizada aos expositores, o 95% dos comerciantes que participaron na feira volvería repetir a experiencia, que cualifican de “moi satisfactoria”.
Tenda reuniu a máis de 150 tendas coruñesas e representativas do novo comercio urbano, moderno, vangardista e innovador, entre o 18 e 19 de outubro nunha iniciativa organizada por EXPOCoruña, que preside a tamén tenente de alcalde de Emprego e Empresa Luisa Cid, e que contou coa colaboración do Concello, Xunta e Deputación, ademais de patrocinadores privados, entre eles Abanca, El Corte Inglés e Estrella Galicia.
Mostrar as últimas tendencias e novidades do novo comercio urbano, dando protagonismo ao comercio local, foi un dos obxectivos da feira, que contou coas modelos Nieves Álvarez e Bimba Bosé, esta última na súa faceta de DJ, como imaxe do evento.
Ademais dos market e showrooms en Tenda celebráronse concertos, degustacións de produtos delicatessen e máis de 100 talleres, moitos deles para nenos, un dos grandes éxitos da feira, xa que a Zona Kids foi unha das máis visitadas durante os dous días do evento.











