Sogarpo, Afigal e Banco Popular asinan un convenio de novas liñas de financiamento para empresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+
Sinatura do acordo

Sinatura do acordo

Banco Popular e as Sociedades de Garantía Recíproca Sogarpo e Afigal asinaron un convenio de colaboración polo que a entidade financeira porá en marcha novas liñas de financiamento orientadas a pequenas e medianas empresas que conten co aval dalgunha das dúas SGR.

A directora xeral de Sogarpo, Margarita Fernández; o director xeral de Afigal, Manuel Alonso; e o director rexional de Banco Popular en Galicia, José María Arce, foron os encargados de rubricar este acordo.

A través do convenio, Popular proporcionará unha oferta de produtos e servizos deseñados a medida e en exclusiva. Entre eles, as pemes e os autónomos que conten co aval de Sogarpo ou Afigal poderán formalizar diferentes operacións de financiamento de capital circulante: liñas de circulante nacional (pólizas de crédito, desconto comercial, factoring e confirming) e liñas de circulante internacional (anticipo de exportación, factoring internacional, crédito documentario e financiamento de importacións) en condicións vantaxosas.

Afigal atópase entre o tres primeiras Sociedades de Garantía Recíproca de España por número de socios. Cunha dilatada experiencia no campo dos servizos financeiros, ten actualmente como socios partícipes a máis de 10.750 pemes das provincias da Coruña e Lugo, que son as principais destinatarias das súas actividades.

Sogarpo é unha Sociedade de Garantía Recíproca galega que opera fundamentalmente nas provincias de Pontevedra e Ourense. Conta con máis de 6.800 socios partícipes e, a través do seu aval, posibilita o acceso a liñas de financiamento privilexiadas ás pequenas e medianas empresas galegas.

Banco Popular conta cunha rede comercial especializada en pequenas e medianas empresas e desenvolve un modelo de negocio único e diferenciador. En 2014 e con datos actualizados a outubro, Popular é de novo líder en préstamos ICO en Galicia, cun total de 393 millóns de euros prestados, o que supón unha cota do 37,4%.

22 de outubro de 2014 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.