Sarela conmemora o Día do Dano Cerebral cunha xornada de portas abertas no seu novo centro
O novo centro de día de Sarela está case listo. O traslado ás novas instalacións está previsto para fin de ano e, mentres, a asociación aproveita a conmemoración do Día do Dano Cerebral Adquirido (DCA) para abrir as súas portas ás persoas socias, simpatizantes e amigas, nunha tarde chea de actividades. Ademais, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela vai participar no III Foro de Familias de FEGADACE e ten previsto colocar unha mesa informativa sobre o ictus no Hospital de Santiago.
O Día do Dano Cerebral Adquirido conmemórase cada 26 de outubro desde que así o declarou o Consello de Ministros. É unha xornada que serve para visibilizar a epidemia silenciosa que constitúe o dano cerebral e para amplificar as reivindicacións das asociacións. Sarela planea este ano tres xornadas de actividade.
25 de outubro, III Foro de Familias
Este sábado, 25 de outubro, os socios e socias de Sarela acoden ao III Foro de Familias de persoas con dano cerebral que organiza FEGADACE (a Federación Galega de Dano Cerebral). Ademais de participar activamente nos grupos de traballo, dous membros da asociación vanse dirixir ao público nunha mesa redonda na que ‘Persoas con dano cerebral e familiares contan a súa experiencia sobre dereitos’. Luciano Fernández e Javier Fernández, pai e fillo, van expoñer o seu caso sobre educación e independencia.
27 de outubro, Pacto Mundial e Nacho Mirás no novo centro
Desde as catro da tarde do luns, 27 de outubro, as portas do novo centro de día de Sarela estarán abertas para calquera que o queira visitar. O centro está na Rúa Agustín Sixto Seco, s/n, no barrio do Traspaxonal. A edificación está case rematada e está previsto que Sarela traslade alí a súa actividade a finais deste ano.
Profesionais e Xunta Directiva da asociación explicarán os usos previstos no novo centro e a distribución das salas. Tamén se vai presentar o Rap da Ilusión, un videoclip protagonizado e deseñado polas persoas usuarias de Sarela (coa colaboración en música e montaxe de Roi de la Fuente e Jordi Icart ) que se estará proxectando en bucle toda a tarde; e haberá máis actividades, xogos e café.
Pacto Mundial
As responsables do programa de Sarela para a xente nova, Construíndo Futuro, van presentar e explicar a entrada da asociación na rede española do Pacto Mundial das Nacións Unidas. Esta iniciativa promove implantar na actividade empresarial dez principios éticos relacionados cos dereitos humanos, as normas laborais, o medio ambiente e a loita contra a corrupción. O obxectivo de facer parte do Pacto Mundial é contribuír a estender a conciencia social no tecido empresarial, insistindo na necesidade das prácticas de responsabilidade social por parte das corporacións, especialmente no ámbito da contratación das persoas con discapacidade.
Nacho Mirás presenta El mejor peor momento de mi vida
O tumor cerebral é unha das doenzas causantes do dano cerebral adquirido. Aínda que o ictus é a principal causa do DCA, moitas das persoas usuarias de Sarela teñen dano cerebral motivado por un destes tumores. Isto levou á asociación a convidar ao xornalista Nacho Mirás a compartir a súa experiencia –que narra no libro El mejor peor momento de mi vida-, coa súa base social. Mirás foi diagnosticado dun tumor cerebral hai un ano e desde aquela leva narrando a súa convivencia coa doenza no blog Rabudopuntocom (http://rabudo2.wordpress.com/). Unha selección de textos foi compilada no libro que se presenta desde as 19:00 e que vai estar á venda o luns.
29 de outubro, mesa informativa sobre o ictus
Sarela estende a súa conmemoración do Día do Dano Cerebral ao 29 de outubro, que coincide co Día Mundial do Ictus. De 09:30 a 13:00, persoas usuarias de Sarela, acompañadas de familiares e profesionais, estarán na entrada principal do Hospital Clínico de Santiago informando sobre as causas do ictus e sensibilizando sobre a súa prevención.











