Santiago acolle o Congreso Internacional de Psicoloxía xurídica e forense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Inauguración do congreso. Foto: A. Varela

Inauguración do congreso. Foto: A. Varela

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou esta mañá na inauguración do VIII Congreso Internacional de Psicoloxía xurídica e forense, no que enxalzou o labor dos psicólogos integrados no Instituto de Medicina Legal de Galicia, así como do resto de traballadores dos equipos psicosociais do IMELGA.

Segundo explicou o director, en moitos casos os elementos para a toma de decisións xudiciais exceden o xurídico, sendo preciso contar co asesoramento de profesionais obxectivos e expertos coñecedores que poñan á disposición da Xustiza o seu saber para axudar á formación do criterio e á toma de decisións.

De aí que as probas periciais, en xeral, e as de psicoloxía forense, en particular, teñan unha gran importancia nos procedementos xudiciais, especialmente nos relacionados co Dereito de Familia e violencia de xénero. Na práctica totalidade destes casos os órganos xulgadores recorren aos expertos forenses e os seus informes periciais.

Por iso Martín agradeceu o “esforzo diario” dos psicólogos do IMELGA, consciente do volume de informes periciais que se lles encargan, a dificultade de moitas destas periciais e a responsabilidade que o seu traballo conleva nos distintos procedementos xudiciais.

Colaboración coa Universidade e o Colexio de Psicoloxía

Así mesmo, destacou o complemento que supón a USC, coa que anualmente manteñen un contrato para a prestación do servizo de asistencia psicolóxica forense; e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a través do protocolo de colaboración que teñen subscrito no ámbito da quenda de asistencia pericial á Administración de Xustiza.

Para o titular da Xustiza galega ambos exemplos son unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia coa dotación dos medios precisos “para contribuír á xustiza de calidade que a cidadanía demanda, a súa modernización e a súa constante mellora”.

Análise de temas de actualidade

Pola súa banda, a directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, agradeceu á organización que neste oitavo encontro escollesen como sede á EGAP, xa que a súa vocación é ser un foro de análise de temas de actualidade daquelas materias de grande impacto para a sociedade.

Ademais, destacou que o congreso servirá para promover e difundir a investigación entre científicos, docentes, profesionais, operadores xurídicos e a sociedade en xeral; así como para a reflexión permanente sobre a evolución dos procedementos relativos á psicoloxía xurídica e forense. Isto, asegurou, “axudará a construír roles profesionais cada vez máis sólidos e mellor formados”.

No acto tamén participaron o reitor da USC, Juan Manuel Viaño; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas; a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez; o presidente da Sociedade Española de Psicoloxía Xurídica e Forense, Ramón Arce; e a concelleira de Servizos Sociais de Santiago de Compostela, Mª José Corral.

23 de outubro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.